Solapas principales

Continúa aberto o prazo para participar no Certame Literario de Ames

Miércoles, 17 de marzo de 2021

O 8 de abril remata o prazo para participar no Certame Literario de Ames. O certame está aberto para todas as idades a través de tres categorías: unha para nenos e nenas de até 13 anos, outra para a rapazada de entre 14 e 17 anos e unha terceira dirixida ás persoas de máis de 18 anos. Cada categoría ten dúas modalidades: poesía e narrativa. A mesma persoa pode presentar un traballo en cada unha destas modalidades. O Certame Literario de Ames acada este ano a súa XVIII edición. Este ano repartiranse un total de 3.800 euros entre os/as gañadores/as. Podes descargar aquí as bases do centame. Tamén podes descargar a ficha de inscrición.

Nas bases do certame, recóllese que as persoas que desexen participar deberán enviar catro exemplares do texto, en folios mecanografados a dobre espazo e tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía, a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50.

Só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.Os textos poderán remitirse ata o día 8 de abril de 2021 (incluído) ao seguinte enderezo: Servizo de NormalizaciónLingüística do Concello de Ames, Avenida de Azcárraga nº 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Baixo pseudónimo
Os textos presentaranse baixo pseudónimo. Para garantir o anonimato, nos textos non poden aparecer datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.
Os datos persoais introduciranse nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste indicarase a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo (nunca o nome real). Pódese descargar aquí a ficha de participación que recolle todos estes datos.

Premios
Entre os 18 premiados, o certame reparte 3.800 euros. Na primeira categoría, á que se pode presentar rapaces e rapazas de até 13 anos, os premios son de 200 euros, 170 euros e 140 euros. A segunda categoría, á que se presentan traballos firmados por rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos, outorga un primeiro premio de 230 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 170. Finalmente a terceira categoría, na que os participantes teñen 18 ou máis anos, concede un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 260 euros e un terceiro de 230 euros.

O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e a súa decisión farase pública o 18 de maio de 2020. En canto aos premios, entregaranse o 21 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos premiados,

Publicación dos textos premiados
A decisión do xurado anunciarase publicamente o 18 de maio de 2021 e os premios entregaranse o 21 de maio de 2021 nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Maioría de idade para un certame literario que premia desde os tres anos"

cartaz do certame