Solapas principales

O Concello de Ames vai sacar a licitación o novo contrato do servizo de limpeza viaria e xestión dos Puntos Limpos do Concello de Ames

Viernes, 19 de marzo de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, está traballando dende hai tempo nos pregos do novo contrato do servizo de limpeza viaria e xestión dos Puntos Limpos do Concello de Ames. Deste xeito, vaise a debater no pleno ordinario do mes de marzo, que se vai celebrar o vindeiro xoves 25 de marzo, a aprobación do expediente de contratación. Dito contrato vai a ter unha duración de 10 anos. O importe base de licitación ascende a 1.064.223,85 euros, o que supón un incremento económico de 336.607,95 euros (46,26%), respecto do anterior contrato que ascendía a 727.615,90 euros.

Dito incremento é debido a que no novo contrato se inclúen moitas máis zonas para realizar a limpeza viaria, en concreto vaise prestar dito servizo en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Ata o de agora non se está prestado este servizo de forma habitual en todas as rúas urbanas. Ademais, co novo servizo tamén se vai a facer a limpeza nas distintas prazas do concello, que actualmente estaban fóra do contrato e que as limpaba o persoal da Brigada municipal de obras, e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos.

Así en Bertamiráns inclúense as prazas de Chavián, da Maía, do Concello, da Horta de Abaixo e da Horta de Arriba; os aparcamento do Carrefour e da avenida Peregrina; e mailo espazo para cans da rúa Ameneiral. No Milladoiro, este servizo realizarase nas prazas de Manuel Murguía, de Correos, da Madalena e Santander; nos aparcamentos da Travesía do Porto, da zona de autocaravanas e do parque empresarial do Milladoiro; na zona das pistas polideportivas e aparcamentos da Casa da Cultura; e no espazo para cans que está preto ao Cuartel da Garda Civil.

Tamén se inclúen diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago.

Niveis de limpeza viaria
Nos pregos do novo contrato establécense sete niveis diferentes de limpeza viaria. O primeiro inclúe as principais rúas, beirarrúas e prazas de Bertamiráns e do Milladoiro, onde se farán tarefas de barrido manual (de luns a sábado); lavado e barrido mecánico de beirarrúas (tres veces á semana), baldeo mecánico de rúas (dúas veses á semana), e barrido de repaso polas tardes (de luns a sábado). O segundo nivel de limpeza comprende o resto das rúas, beirarrúas e prazas de Bertamiráns e do Milladoiro non incluídas no primeiro nivel. As tarefas que se van realizar son as mesmas. A única diferencia respecto do primeiro nivel é que no segundo nivel non se realizan traballos de barrido de repaso polas tardes, de luns a sábado.

O terceiro nivel de limpeza comprende as rúas e beirarrúas da urbanización de Aldea Nova, xunto co parque empresarial Novo Milladoiro. Neste caso, os traballos de limpeza son barrido manual tres veses á semana, lavado e barrido mecánico de beirarrúas unha vez por semana e baldeo mecánico de rúas, tamén unha vez por semana. O cuarto nivel de limpeza recolle traballos nas rúas e beirarrúas das urbanizacións de Agro do Muíño e Juan Bueno, avenida de Juan Bueno e O Santo, As mimosas e Millalar. Nesta caso faranse traballos de barrido manual dúas veces por semana e baldeo mecánico de rúas unha vez por semana.

O quinto nivel de limpeza viaria atinxe aos traballos nas rúas e beirarrúas que unen o núcleo de Bertamiráns coa urbanización de Aldea Nova (barrido manual unha vez por semana e baldeo mecánico de rúas unha vez cada quincena). O sexto nivel de limpeza comprende as beirarrúas existentes nos tramos do Camiño de Santiago correspondentes a rúa Agrela, Alto do Vento a Augapesada e A Ponte Maceira. Neste caso vanse facer traballos de barrido manual unha vez á semana durante o período de outono/inverno e dúas veces á semana nas estacións de primavera e verán.

O sétimo e último nivel de limpeza refírese ás beirarrúas dos tramos que unen distintos núcleos de poboación dispersos polo termo municipal: de Agrela ata As Mimosas; da igrexa de Biduído ata Biduído de Abaixo; de Biduído de Abaixo ata Casanova; de Ortoño ata Ortoñiño; de Pousada a Augapesada; de Augapesada ata Quintáns; Covas; de Piñor ata A Ponte Nova; de Outeiro a Quistiláns; Guimaráns; Tapia; Piñeiro; Firmistáns; e urbanización Os Naranxos. Neste caso realizaranse traballos de barrido manual unha vez ao mes.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca “o gran esforzo económico que está facendo o Concello de Ames neste contrato, xa que o importe base de licitación ascende a 1.064.223,85 euros, o que supón un incremento económico de 336.607,95 euros respecto do anterior contrato. Isto representa un incremento do 46,26%”. Ademais, incide en que “se vai facer unha mellora considerable do servizo que se está prestando actualmente, aumentando as zonas que van dispor de servizo de limpeza viaria. Este servizo prestarase por primeira vez en todo Bertamiráns, O Milladoiro e nas urbanizacións, e chegará por primeira vez ao rural. En definitiva, trátase dun contrato moi ambicioso que mellorará o servizo de limpeza viaria en todo Ames”.

Ampliación de persoal e da maquinaría
Esta ampliación de novas zonas onde se realizaran traballos de limpeza provoca que se deba de incrementar o número de persoal (o que fai que se incremente, polo tanto, o custo do servizo). Deste xeito, contrataranse 6 novas persoas: 5 peóns e un condutor. Actualmente, hai no servizo 17 persoas: 15 peóns, 1 encargado/capataz e 1 condutor.

Outro aspecto importante a resaltar é a incorporación da maquinaria necesaria para prestar dito servizo. Toda a maquinaria vai a ser nova. A que actualmente está no servizo destinarase a reserva do novo contrato ou ao propio servizo. Algún do novo material deberá ser eléctrico para ir incluíndo novos vehículos e maquinaria que preserven o medio ambiente.

A nova maquinaria coa que se contará será unha barredoira dual de aspiración de 4 metros cúbicos, un camión cisterna de 10.000 litros, dous lava beirarrúas, 4 barredoiras de beirarrúas, dous vehículos lixeiros, un camión con caixa aberta e plataforma de elevación, un vehículo auxiliar con hidrolimpador, unha hidrolimpadora, dous carriños de limpeza adaptados para baldeo, dous sopradores de gasolina, dous sopradores eléctricos, unha desbrozadora, dúas motoserras, 12 carriños de limpeza, 1 camión para Punto limpo móbil e un vehículo de inspección (tipo furgoneta).

Punto limpo
O punto limpo sufre varias modificacións, a principal é o cambio do horario, xa que se amplía a atención do mesmo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Tamén se vai a promover a reciclaxe e a recuperación de materiais reutilizables que se atopen en bo estado de aproveitamento, os cales se separarán e clasificarán para ser publicitados a través da web do concello ou da empresa concesionaria do servizo, os cales se entregarán de xeito gratuíto ás persoas que o soliciten. A empresa licitadora presentará, tamén, un plan de comunicación, información, sensibilización e concienciación.

Punto limpo móbil
Unha das novidades que incluirá o novo contrato será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio. As zonas onde se recollerán residuos serán: praza de Manuel Murguía (O Milladoiro); praza do Concello (Bertamiráns); e nas parroquias de Biduído; Bugallido, Ortoño, Covas, Trasmonte, Agrón, Lens, Tapia, Ames, Piñeiro e Ameixenda.

Os residuos que se aceptarán no Punto limpo móbil serán: mobles e enseres de pequenas dimensións, escombros, madeira, papel-cartón, aceites minerais, aceites vexetais, pilas, baterías, radiografías, aerosois, tubos fluorescentes, envases baleiros o con retos de pinturas e disolventes, aparatos electrónicos de tamaño reducido, roupa usada, e cristal laminado. Tamén se fixará un servizo de recollida baixo demanda para aquelas persoas que non poidan desprazarse ou desprazar os residuos ata o Punto limpo móbil.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Extienden la limpieza a las dos urbes de A Maía, urbanizaciones y plazas"

La Voz de Galicia: "Ames licita por diez años y un millón de euros la limpieza viaria y el punto limpio"

Compostela 24horas: "O Concello de Ames vai sacar a licitación o novo contrato do servizo de limpeza viaria e xestión dos Puntos Limpos do Concello de Ames"

Operario do servizo de limpeza viaria traballando en Bertamiráns

Multimedia

  • Operario do servizo de limpeza viaria traballando en Bertamiráns