- Tematica
Este venres, 26 de marzo, ás 18.00 horas, os nenos e nenas de Ames poderán desfrutar da obra teatral “Don Gaiferos” na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza, que chega da man da compañía Os Monicreques de Kukas, mestura actores, monicreques e músicos que incorporan cancións do folclore galego ao romance popularizado. Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. Ademais, ata o luns 29 de marzo poderase visitar a exposición "Don Gaiferos polos camiños cara Compostela" na Casa da Cultura do Milladoiro.
A programación cultural do Concello continúa para a rapazada de Ames coa representación da obra “Don Gaiferos”. O evento terá lugar o venres 26 de marzo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Neste espectáculo sóbense ao escenario actores, monicreques e músicos que, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino Santalicese, incorpora cancións e músicas do folclore galego. A historia conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago no que se narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pés do santo na Catedral compostelá. Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Venda de entradas
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).
Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).