- Tematica
Esta mañá rematan, con tres faladoiros, as primeiras xornadas “Ao son da oralidade: o noso patrimonio”, organizadas polo IES do Milladoiro, en colaboración coa ANPAMILLA e o Concello de Ames. As sesións, celebradas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, enmárcanse dentro da programación dun proxecto didáctico colaborativo no que está traballando un grupo de profesorado do centro, conxuntamente co alumnado do IES do Milladoiro. Os faladoiros, que comezaron onte, 23 de marzo, serán emitidos en directo por streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
Hoxe estanse desenvolvendo no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro as primeiras xornadas “Ao Son da Oralidade: O noso patrimonio”, que están organizadas polo IES do Milladoiro, e nas que colabora a ANPAMILLA e o Concello de Ames. Durante a mañá deste mércores, levaranse a cabo as tres últimas sesións. As liñas básicas de investigación deste proxecto son tres: a oralidade, a toponimia e os petróglifos. Así mesmo, os encontros programados nas xornadas tamén están enfocados para manter uns encontros dialóxicos co alumnado arredor destas temáticas. Preme nesta ligazón para ver o día e hora dos distintos faladoiros.
Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación da comunidade educativa no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, lingüístico, histórico e artístico. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa contorna como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.
Programa das xornadas
Hoxe, 24 de marzo, haberá tres faladoiros. O primeiro será sobre toponimia, pero neste caso a cargo de Vicente Feijoo Ares, coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG. Vicente Feijoo vaise centrar no potencial didáctico da toponimia como ben do patrimonio cultural inmaterial. O cuarto faladoiro vai a ser sobre a xestión do patrimonio cultural e os museos, e vaise desenvolver por parte de Bieito Pérez Outeiriño, membro do corpo facultativo de Conservadores de Museos do Estado.
Por último, e non menos importante, realizarase un obradoiro para crear roteiros emocionais, a través da memoria colectiva da oralidade. Para este proxecto de roteiros, que nun futuro próximo agárdase que sexan reais, cóntase con Vero Rilo, contadora e artista multidisciplinar, e Marcos PTT, actor e director de teatro e membro do colectivo Galiza Emocional.
As xornadas comezaron onte, martes 23 de marzo, con dous faladoiros. O primeiro faladoiro, que comeza ás 9.40 horas, é impartido por Luís Leclere, representante do Colectivo a Rula, e trata sobre os petróglifos do concello de Ames. O segundo faladoiro é a cargo de Xosé Ramón López Boullón, docente e autor do libro Toponimia de Ames, que ilustrará ao alumnado cos nomes de lugares da contorna. Este segundo faladoiro está previsto para as 10.50 horas.
Emisión en directo das xornadas
Os faladoiros que se imparten durante estas dúas xornadas son emitidos en directo por streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ames. O obxectivo é que os faladoiros poidan ser vistos e escoitados polo alumnado do IES do Milladoiro e doutros centros escolares de primaria e secundaria do concello. Debido ao protocolo Covid-19 do IES do Milladoiro, tan só poden asistir ás xornadas de forma presencial algúns dos grupos dos cursos de primeiro, segundo e terceiro da ESO. O resto de alumnado pode seguir as xornadas dende a súa aula.
Ligazóns para seguir por streaming os faladoiros:
Terceiro faladoiro (Vicente Feijoo Ares): https://youtu.be/5fhPHHvkv68
Cuarto faladoiro (Vero Rilo e Marcos PTT): https://youtu.be/B-dc6kaay9Q
Quinto faladoiro (Bieito Pérez Outeiriño): https://youtu.be/GKRow6jDqhY