Solapas principales

O xoves, 15 de abril, preséntase en Ames “Movendo os marcos do patriarcado” de María López Sández e Marilar Aleixandre

Miércoles, 14 de abril de 2021

O acto terá lugar no Pazo da Peregrina, o xoves 15 de abril, ás 20:00 horas, coa presenza das autoras, a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, e a vicepresidenta da Asociación de escritores e escritoras en Lingua Galega, Anna R. Figueirido. Maria López Sández e Marilar Aleixandre escribiron conxuntamente este libro no que se afonda na vida e na obra de dona Emilia Pardo Bazán, prestando especial fincapé aos aspectos do seu pensamento feminista. A entrada ao acto é gratuíta e libre até completar o aforo limitado que, por mor da loita contra a pandemia, se aplica neste tipo de eventos.

Publicada pola editorial Galaxia na súa colección “Feminismos”, “Movendo os marcos do patriarcado”, abeira o subtítulo de “O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán”, o que non deixa lugar a dúbidas sobre a intencionalidade do texto que escribiron a catro mans as profesoras Marilar Aleixandre e María López Sandez.

Na presentación do libro que a editorial Galaxia fai na súa páxina web fálase de que Emilia Pardo Bazán identificou algúns dos mecanismos polos que se exercen o que hoxe chamamos patriarcado e como exemplos cita “a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; e a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres”. Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar ás mulleres “até a última gota de tinta”, conclúe a presentación da editorial.

Mes de presentacións
Esta é a segunda presentación de libros que a Biblioteca Municipal de Ames organiza no mes do libro, despois da de “Non cantan paxaros neste bosque” de Carlos Negro. Está prevista ademais neste mesmo mes a presentación do libro infantil “El sueño de Lima” de David Navarro, que terá lugar o venres 16 ás 17:30, e a dunha obra de banda deseñada de Tomas Guerrero que se desenvolverá o día 22 de abril, tamén no pazo da Peregrina. Dáse a circunstancia que os autores e autoras que presentan libros este mes en Ames son veciños e veciñas do Concello ou están empadroados na contorna de Ames e fan pate da dúa vida no territrio municipal amesá.

As presentacións de libros deste mes rematarán coa saída do prelo do libro que recolle os traballos de narrativa e poesía que obtiveron premio na XVII edición do Certame Literario de Ames. A presentación desta obra conxunta terá lugar o xoves, 29 de abril, ás 20:00 horas, tamén no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Cartaz da presentación da obra "Movendo os marcos do patriarcado"

Multimedia

  • Cartaz da presentación da obra "Movendo os marcos do patriarcado"