- Tematica
Este venres, 14 de maio, membros do Goberno municipal de Ames, así como representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Asociación de Hostalería de Compostela asinan un acordo sobre o texto definitivo da futura ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. Dita ordenanza será obxecto de aprobación definitiva no pleno ordinario deste mes de maio. É a primeira vez que en Ames se regula o uso das terrazas.
Cómpre lembrar que a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva de dita ordenanza tratouse no pleno ordinario do pasado mes de marzo. Este punto foi deixado encima da mesa, coa aprobación por unanimidade de toda a Corporación municipal, á espera de manter novas xuntanzas para chegar a un acordo sobre o sistema de garantía que se recollía na nova ordenanza respecto daquelas terrazas que teñan elementos fixos ou tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública.
Posteriormente, membros do Goberno municipal e persoal do departamento municipal de urbanismo mantivo unha xuntanza para analizar a última proposta dos hostaleiros que limita a garantía a aqueles espazos que teñan unha ocupación con elementos fixos ou con tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública.
En dita xuntanza estableceuse a redacción final da ordenanza, que novamente se achegou ás asociacións e grupos da oposición. Ao longo deste ano, o Goberno municipal mantivo xa varias reunións cos diferentes colectivos implicados para coñecer os distintos puntos de vista e poder acadar un documento sólido, consensuado e cos máximos apoios posibles. É a primeira vez que en Ames se regula o uso das terrazas.
Desde o Goberno municipal queren destacar “a importancia do acordo acadado, froito da negociación e do consenso co sector, negociación e consenso que se mantivo durante todo o procedemento e ao longo dos meses de tramitación”. Sempre foi obxectivo do Goberno acadar o máximo apoio posible a esta ordenanza de terrazas e acadar con elo un documento o máis consensuado e o máis sólido posible", segundo sinala Víctor Fernández, Concelleiro de Administración Xeral.
Ademais, desde o Goberno lembran que a derrogación da ordenanza fiscal que regula os prezos seguirá vixente durante todo o ano 2021 como medida complementaria de axuda ao sector e que se suma así á condonación do pago das terrazas do ano 2020 e as axudas do Plan de reactivación postas en marcha neste mesmo ano 2021, tales como as tarxetas Merc@mes ou as axudas PEL convocadas conxuntamente coa Deputación de A Coruña e que supoñen 650.000 euros de achega económica.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Acordo para a ordenanza de ocupación de espazo polas terrazas en Ames"