Solapas principales

Constituíuse o Consello Sectorial da Cultura

Sábado, 22 de mayo de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, xunto coa concelleira de Cultura, Natividade González, e persoal municipal do departamento de Cultura, participaron na tarde do mércores, 19 de maio, no acto de constitución do Consello Sectorial da Cultura. Trátase dun órgano que canaliza e promove o diálogo, a participación e o encontro entre todos os axentes interesados no eido cultural.

Tras a aprobación, por unanimidade, da creación do Consello Sectorial de Cultura no pleno ordinario de febreiro deste ano, celebrouse esta semana na Casa da Cultura de Bertamiráns o acto de constitución de dito órgano.

Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García, xunto coa concelleira de Cultura, Natividade González, e persoal municipal do departamento de Cultura. Ademais, foron convocadas as 51 asociacións que están inscritas no Rexistro Xeral de Asociación de Ames, xa que todas elas formarán parte da composición do Consello Sectorial da Cultura.

O órgano contará cunha listaxe de vogais que asegurarán o bo funcionamento do Consello da Cultura. Dende o propio departamento de Cultura presentarase nos vindeiros días un borrador do regulamento de funcionamento do Consello, ao que as asociacións poderán facer as achegas que consideren necesarias. As asociación elixiran os seus propios representantes o que garantirá unha mellor operatividade do Pleno do Consello.

Ademais, no borrador do regulamento de funcionamento do Consello recóllese que haberá un/unha representante por cada grupo municipal da Corporación municipal. Tamén estará representada a directora da Escola Municipal de Música e un/unha representante das Bibliotecas Municipais.

Competencias do Consello da Cultura
Entre as competencias deste novo Consello destacan a intención de fomentar a protección e a promoción da calidade de vida dos sectores, entidades e persoas  implicadas así como informar ao Concello dos problemas específicos do sector. O emerxente órgano deberá propoñer solucións alternativas aos problemas do sector, coa obriga, por parte do Concello, de estudalas e, se é o caso, consideralas. Ademais, fará un seguimento dos acordos adoptados por parte do Concello sobre as propostas do Consello Sectorial e dará traslado dos acordos adoptados e dos informes que os avalen.

A concelleira de Cultura, Natividade González, describiu a Ames como un “ecosistema cultural de gran riqueza” e expuxo de xeito conciso as vantaxes que para o sector e as persoas implicadas na cultura en Ames suporía a creación deste Consello. “Trátase de fomentar a cultura participativa a través dun foro de encontro e debate, onde se poidan propoñer e asesorar medidas, participar en tomas de decisións, colaborar de forma activa, velar polo cumprimento das boas prácticas e incentivar a participación, co fin de promover e fomentar as políticas culturais do noso concello”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames constituyó el consello de participación sectorial de cultura"

El Correo Gallego: "Novo consello para velar pola cultura dos amesáns"

 

Constituíuse o Consello Sectorial da Cultura

Multimedia

  • Constituíuse o Consello Sectorial da Cultura