- Tematica
O festival feminista de arte urbana e contextual lanza unha convocatoria para que persoas e colectivos de Ames, relacionados coa natureza, herboloxía e co feminismo, colaboren no proceso creativo da artista convidada, moi vinculada a estas temáticas. Para inscribirse como anfitrioa deberase cubrir este formulario, antes do vindeiro día 9 de xuño, e asistir a dous encontros, o 11 de xuño e o 12 de xullo. A protagonista desta 3º edición do Delas Fest realizará a intervención en Ames entre o 28 de xuño e o 25 de xullo.
A artista convidada a Ames preténdese integrar na historia feminista do Concello, así como aprender sobre a flora da zona. A liña temática da creadora está moi vinculada á natureza polo que, ademais de anfitrioas feministas, o 7H Cooperativa Cultural busca a persoas que conten con información sobre á flora autóctona do Concello e o emprego místico ou medicinal das plantas, que coñezan historias de mulleres da zona vinculados á herboloxía, á xardinaría, ao curandeirismo ou ao coidado da terra....
As persoas anfitrioas en Ames da artista da 3º edición do Delas Fest participarán en dous encontros. O primeiro deles, o 11 de xuño, será virtual a través da plataforma Zoom, de 20.00 a 21.00 horas. Trátase dunha primeira toma de contacto entre as participantes e a creadora. O 12 de xullo realizarase o encontro presencial. Antes de iniciar a súa intervención, a artista reunirase in situ coas anfitrioas para profundar no coñecemento sobre o territorio e as súas habitantes. En caso de que as circunstancias socio-sanitarias o esixisen, esta segunda reunión podería ser tamén de carácter virtual. Para participar nas actividades, é preciso ser ou vivir en Ames e asistir, activamente, nos dous encontros. Para inscribirse é preciso cubrir este formulario antes do vindeiro día 9 de xuño.
“Anfitriónate”
A través da convocatoria “Anfitriónate”, nada da vontade de reforzar os vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a realidade na que estas se insiren, o Delas Fest anima a persoas e colectivos a exercer como anfitrioas das artistas, acompañándoas na descuberta da historia e idiosincrasia das diferentes localizacións do festival.
Con este fin, es 7H coordinará en cada un dos catro concellos un grupo de entre 5 e 15 persoas encargado de manter unha xuntanza virtual e outra presencial coa creadora de acollida. A través destes encontros, destinados ao intercambio de relatos, experiencias e información, a organización aspira a enriquecer o paso da artista polo festival e facilitar que as súa obra non resulte allea á comunidade que a acollerá. O festival, que aínda non desvelou os nomes que protagonizan a edición deste ano, reforza así o seu carácter comunitario logo de dous anos apostando por xerar espazos de convivencia entre artistas e entidades do tecido social.
As persoas interesadas en ser parte da convocatoria deben cubrir o formulario dispoñible na páxina web de 7H Cooperativa Cultural, onde tamén se indican as datas, horarios e condicións de participación, entre as que é fundamental a dispoñibilidade e o coñecemento do contexto. As inscricións para ser anfitrioas en Brión e Santiago pechan o próximo 3 de xuño e as de Ames e Teo, están abertas até o día 9.
Para máis información sobre a convocatoria, prema nesta ligazón.
O Delas Fest
O Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextua,l é o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Impulsado por 7H Cooperativa Cultural en 2019, desenvólvese anualmente nos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.