Solapas principales

O concello de Ames en risco extremo de incendio forestal

Martes, 17 de agosto de 2021

O risco de incendio forestal en Ames sitúase por riba do 81% segundo a Consellaría de Medio Rural. O tempo seco das últimas semanas e o vento fan que o concello de Ames estea en risco extremo de incendio forestal. Recórdase aos veciños/as a prohibición de realizar queimas nesta época do ano. Pídese, ademais, a colaboración da cidadanía, se ven fume ou lume deben chamar ao 085 ou a Protección Civil no teléfono 673178888.

A Consellaría do Medio Rural establece diariamente o risco de incendio forestal, a probable propagación do mesmo e o seu comportamento para todo o territorio galego. Para a realización deste mapa de risco de incendio tense en conta a análise de diversos factores coma a seca dos últimos meses e das últimas semanas, as condicións actuais de humidade e temperatura e o vento. Con estes datos a consellaría elabora un mapa que establece o risco de incendio en baixo, moderado, alto, moi alto e extremo.

Precisamente este mapa sitúa ao concello de Ames en risco extremo de incendio forestal. O tempo seco das últimas semanas, a humidade e o vento fan que Ames teña máis do 80% de probabilidades de sufrir un incendio forestal.

Ante esta situación o goberno municipal quere recordarlle á cidadanía que non se poden realizar queimas nesta época do ano. Segundo o Pladiga os meses de xullo, agosto e setembro son época de perigo alto de incendios e polo tanto durante estes meses non se outorgan permisos de queima.

Outra das claves no control e prevención de incendios é a colaboración da cidadanía. Polo que se anima á veciñanza que comunique calquera movemento sospeitoso ou a existencia dun incendio, a través do teléfono 085 ou a Protección Civil no 673178888.

Plan de incendios
O Concello de Ames conta cun Plan de Incendios que establece os protocolos a seguir ante un lume no termo municipal e que ten como obxectivo unir esforzos na loita contra o lume. A través deste plan artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames no operativo municipal de prevención de incendios.

Os distintos equipos de intervención englóbanse en grupos de prevención, sanitario e acción social, transmisións e coordinación da operativa e de loxística e seguridade. Este último está formado por membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica, a brigada de obras, a Asociación de Protección Civil e de GES-Brión; mentres que o equipo sanitario e de acción social, inclúe traballadores/as sociais, médicos/as de atención primaria e voluntarias/os.

Ademais, o Plan de incendios establece tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo. As situacións segundo o nivel en que se atope o lume son pre-alerta, alerta e emerxencia. O plan define cada unha das fases e os pasos a seguir en cada unha delas.

Como novidade, os voluntarios de Protección Civil realizaron este ano un mapa das hidrantes de todo o concello. Este traballo está encamiñado a reducir o tempo de resposta ante un posible incendio. O estudo inclúe un mapa coas coordenadas GPS e unha lenda onde se describe o que se van atopar no lugar e o estado en que se encontra. Ademais, ao equipo humano formado por 33 voluntarios sumouse un equipo autónomo que permite converter puntos de auga en hidrantes, o material necesario para montar un posto de mando avanzado no lugar do incendio ou un vehículo todoterreo adaptado tanto ao transporte de materiais como á evacuación de persoas.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia:"Ames geolocaliza sus 300 puntos de captación de agua para agilizar la extinción de incendios"

El Correo Gallego: "Riesgo extremo de incendio en A Maía con matorral sin cortar"

Compostela 24 Horas: "Ames, en risco extremo de incendio forestal"

  

Foto de arquivo dun incendio en Aldea Nova

Multimedia

  • Foto de arquivo dun incendio en Aldea Nova
  • Foto de arquivo dun incendio en Aldea Nova
  • Foto de arquivo dun incendio en Aldea Nova