- Tematica
Ao abeiro do programa Apego, a concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un verán máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos, baile e cantos ao aire libre que se desenvolverán os días 1 de setembro no xardín do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o 2 de setembro no parque dos Piñeiros de Milladoiro. As brincadeiras estarán dinamizadas por Cé Orquestra Pantasma, un polifacético músico especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. A actividade diríxese a familias con nenos e nenas de 2 anos en diante. O prazo de inscrición comeza o 23 de agosto e alóngase até o 30 de agosto. Para garantir a seguridade será necesaria inscrición previa.
Xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado, música e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. As familias con rapaces e rapazas de máis de dous anos poderán acudir a estas xornadas coas que se pretende compartir tempo de lecer e diversión en galego ao tempo que se fomenta o xogo sen instrucións nin sobreestímulos con materiais naturais que non teñen unha función definida e con que poderemos facer tantas cousas como nos marque a nosa imaxinación. Un dos obxectivos principais é fomentar a creatividade, a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.
Cé Orquestra Pantasma visita con asiduidade o noso concello e sempre acada un gran éxito a través do programa Apego. Desta volta volve traer as súas Brincadeiras Miudiñas e nelas inclúe un concerto no que mesturará as cancións máis coñecidas dos seus discos, un obradoiro de brinquedos naturais que sen dúbida moverán o maxín das crianzas e das familias, xogos tradicionais e materiais naturais desestruturados para que as crianzas xoguen e creen libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades.
Prazos e requisitos de inscrición
O luns, 23 de agosto, abre o prazo de inscrición para as Brincadeiras Miúdas. As persoas que queiran participar deben enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal . No correo debe especificarse: día ou días que se vai asistir, nome e apelidos das persoas participantes, idade das crianzas e un teléfono de contacto. Poderán participar as familias con nenos de dous anos en diante e o prazo para inscribirse remata o vindeiro 30 de agosto. As prazas serán limitadas para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.