Solapas principales

Os Seráns de Tapia chegan ao seu fin con xogos tradicionais e batucada

Martes, 24 de agosto de 2021

O xoves 26 de agosto, ás 17.00 horas, celebrarase o acto de clausura do Programa Seráns de Tapia, dirixido a todos os públicos. Eira Xandobeleira organizará uns xogos tradicionais. Por último, Trópico de Grelos levará a cabo unha batucada e un obradoiro de percusión.

Nesta última sesión dos Seráns de Tapia, as actividades están dirixidas a un público familiar.

Eira Xandobeleira, unha ludoteca itinerante, achegará unha colección de xogos tradicionais elaborados artesanalmente e inspirados en épocas e lugares diversos. En Xandobela, que significa xogar en barallete, creen que o xogo é unha actividade esencial para o desenvolvemento das persoas e é unha valiosa ferramenta para dar lugar a unha sociedade mellor, promove a comunicación entre as persoas, permite afondar nas relacións entre os individuos, potenciando a creatividade e o talento, estimulando a posibilidade de ver as cousas de xeitos diferentes, favorecendo mentes abertas, alimentando a capacidade de transformar os conceptos e imaxinar perspectivas novas.

A idea da ludoteca itinerante é cear un espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo en familia á vez que desenvolvemos as nosas habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa.

Por outro lado, a asociación cultural Trópico de Grelos, achegará a Tapia o ritmo da percusión afrobrasileña que, á súa vez, é o xerme dunha pluralidade de proxectos relacionados coa música. En todos eles participan xente moza que busca animar o seu tempo de ocio con ritmo.

Fondos, dobradas cortadores, caixas, repiques e timbais soarán en Tapia para animar e achegar á veciñanza de Ames á percusión a través dun obradoiro.

O programa “Seráns de Tapia”, organizado pola Concellaría de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística achegou cada xoves á Praia Fluvial de Tapia actividades de teatro, literatura, concertos e monólogos. Dende o pasado 1 de xullo, 9 actuacións animaron á veciñanza de Ames. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Tapia vibra con Trópico de Grelos e Eira Xandobeleira"

Seráns de Tapia

Multimedia

  • Seráns de Tapia