- Tematica
A Volta a España 2021 vai atravesar o concello de Ames. Será o domingo 5 de setembro nunha contrareloxo individual. Os corredores sairán de Padrón ás 16:30 e agárdase que os primeiros ciclistas pasen por Bertamiráns ás 16:57 ata percorrer os 33,8 km que os separan da praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
A etapa 21 da Volta a España vai ter sabor amesán. A presente edición da Volta a España componse de 21 etapas e cubrirá unha distancia de 3.417 quilómetros. Comezou o sábado 14 de agosto cunha contrareloxo en Burgos e remata o domingo 5 de setembro coa chegada a Compostela. É precisamente nesa última etapa, a 21, cando a Volta Ciclista percorre o concello de Ames cunha contrareloxo individual que manterá cortada a Avenida da Maía dende as 13:30 ata a finalización da proba.
A contrareloxo comezará na praza de Abastos de Padrón as 16:29, onde cada minuto sairá un corredor. A orde de saída desta etapa 21 será a inversa á Clasificación Xeral Individual por Tempos da etapa anterior, Sanxenxo-Mos.
Os corredores, que van ocupar ambos sentidos de circulación, comezarán a chegar a Bertamiráns a iso das 16:57. Dende ese momento espérase un goteo incesante de ciclistas que van pelexar por marcar a diferencia na contrareloxo individual que pon fin a esta edición da Volta a España.
Logo de percorrer os 33,8 km que separan Padrón de Compostela os ciclistas farán entrada na praza do Obradoiro para cruzar a liña de meta e dar por finalizada a súa participación na Volta a España 2021 e o seu particular Camiño de Santiago.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, manifestou “a volta ciclista a España é unha proba referente nas carreiras ciclistas no calendario internacional, que na súa derradeira etapa, a 21, pasa por Ames, o noso concello, nunha contrarreloxo individual, con un percorrido técnico que pode ser determinante para a clasificación final.” E engadiu “o seu paso por Bertamiráns, dará visibilidade ao concello de Ames, que será o punto previo de chegada a meta, Santiago de Compostela. Agardo que as veciñas e veciños, desfruten co paso desta proba deportiva que xa vai pola súa 76ª edición.”