Solapas principales

1.879 nenos e nenas participarán nos programas de conciliación do Concello de Ames

Viernes, 10 de septiembre de 2021

A Concellaría de Educación pon en marcha un ano máis os servizos complementarios de educación e conciliación co obxectivo de conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. 1.349 usuarios/as se inscribiron na rede de comedores escolares, 349 no servizo de Bos días cole e 181 en Tardes Divertidas nalgún dos cinco centros de educación infantil e primaria do Concello de Ames. O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil,de Administración Xeral, Víctor Fernández, aproveitaron a ocasión para visitar o recentemente estreado comedor do CEIP A Maía.

O curso 2021-2022 comezou o 9 de setembro e con el os servizos complementarios de educación e conciliación ofertados dende a Concellaría de Educación do Concello de Ames. Este curso son 1.879 os alumnos e as alumnas que van facer uso dos Comedores escolares ou dos programas Bos días cole e Tardes divertidas.

Os servizos complementarios de educación e conciliación ofértanse nas instalacións dos cinco centros de educación infantil e primaria públicos de Ames. O servizo máis demandado segue a ser o de Comedores escolares cun total de 1.349 usuarios/as. Séguelle o Bos Días Cole con 349 usuarios e pecha a listaxe o servizo de Tardes Divertidas cun total de 181 inscritos.

O servizo de Comedores Escolares segue ano tras ano a gañar adeptos. No CEIP Agro do Muíño son 337 os alumnos inscritos no servizo de Comedores Escolares, no CEIP A Maía son 335, no CEIP de Barouta inscribíronse 105 alumnos/as, no CEP de Ventín 356 e na EEI do Milladoiro 198, na EEI de Covas son 10 nenos/as e na EEI A Igrexa con 8 os usuarios dos Comedores Escolares.

Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames ofrecendo un servizo que vai dende as 08:00 horas ata as 21:00 horas.

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil,de Administración Xeral, Víctor Fernández, visitaron o recentemente estreado comedor do CEIP A Maía xunto coa técinca de educación, Rosa García, a aparelladora, Margarita Fernández, a directora de A Maía,  Isabel Abelleira, e Carolina, traballadora do comedor.

O concelleiro de Educación, David Santomil, aproveitou o inicio do curso escolar para visitar o novo comedor do  CEIP A Maía e coñecer, de primeira man, como transcorreu a primeira xornada no novo comedor. Santomil manifestou: “Iniciamos con optimismo este novo curso escolar no que seguimos a reforzar a hixiene e a dar cumprimento aos protocolos sanitarios. Incorporamos unha nova infraestrutura, como é o novo comedor do CEIP A Maía e novos servizos de conciliación nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Entre os tres servizos (Bos Días Cole, Comedores e Tardes Divertidas) achegámonos aos 2.000 usuarios/as, o que confirma a importancia da conciliación nas políticas municipais, que seguen a incrementar o seu orzamento".

Novo comedor no CEIP A Maía
Unha das principais novidades que deixa o inicio do novo curso escolar e a posta en funcionamento do novo comedor do CEIP da Maía. O edificio destaca pola súa luminosidade e colorido exterior. Trátase dun edificio plenamente integrado na área exterior do centro escolar que se atopa onde estaba o antigo comedor deste colexio. O novo comedor dispón dunha capacidade de 230 prazas, acadando as 460 prazas en dúas quendas.

Este novo comedor enmárcase dentro da Rede municipal de comedores escolares xestionada pola Concellaría de Educación, da que xa forman parte máis de 1.400 usuarios/as entre os sete centros escolares CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, CEP de Ventín, EEI Milladoiro, EEI da Igrexa - Ortoño e a EEI de Covas.

Nova identidade corporativa
O curso 2021-2022 arranca cunha nova imaxe corporativa para os servizos da Concellaría de Educación do Concello de Ames. Conciliames.gal aporta unha imaxe renovada e integradora de todos os servizos da Concellaría de Educación e permite mellorar a tramitación electrónica dos procedementos de solicitude e matrícula nos diferentes programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar.

A web conciliames.gal incorpora importantes melloras na xestión interna dos trámites administrativos e na seguridade dixital dos contidos dos programas de conciliación municipais, así como a renovación da portada e a imaxe corporativa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Conciliación máis comedor para case 1.900 amesáns"Conciliación máis comedor para case 1.900 amesáns"

La Voz de Galicia: "Los programas de conciliación de Ames reunirán a 1.879 escolares"

Compostela 24 Horas: "1.879 nenos e nenas participarán nos programas de conciliación de Ames"

Revista AmesGO: "Case 1.900 nenos e nenas participarán nos programas municipais de conciliación"

conciliación do Concello de Ames

Multimedia

  • conciliación do Concello de Ames
  • conciliación do Concello de Ames
  • conciliación do Concello de Ames
  • conciliación do Concello de Ames