“Monstros, lobos e outros” é o título dos contacontos que o Programa de Animación á Lectura artellou para o mes de outubro. Logo do éxito acadado no Milladoiro nas primeiras sesións, abre o prazo agora para inscribirse nas sesións que terán lugar os días 19, 20 e 21 ás 17:30 na biblioteca de Bertamiráns. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 981 88 48 29 ou enviar un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal. Desde mesmo xeito poden inscribirse os rapaces e rapazas de 3º a 6º de primaria no obradoiro “Aloute Macchine” que dará a coñecer dun xeito lúdico e práctico os segredos da imprenta e que se desenvolverá o sábado, día 23 de outubro na biblioteca de Bertamiráns ás 11:00 e o venres, 29, ás 17:30 na do Milladoiro.
As animadoras á lectura da biblioteca de Ames volven mergullarse no seu papel de contadoras para ofrecer á rapazada o contacontos “Monstros, lobos e outros” cos que, unha vez máis, abordan os medos infantís e os mellores modos de xestionalos.
Ademais, o programa de Animación á Lectura inclúe tamén este mes un obradoiro que leva por título “Aloute Macchine” e que achegará á rapazada os segredos da imprenta. A través do xogo, os/as asistentes aprenderán como se facían os libros antano e poderán levar para casa unha mostra do traballo realizado no obradoiro con prensas de impresión antiga, rolos, tinta e papeis. Este obradoiro está enmarcado na celebración do Día da Biblioteca que como todos os anos se celebra o 24 de outubro.
A inscrición está aberta nos teléfonos 981 53 08 07 / 981 88 48 29 e no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
“Sempre celebramos o inicio de curso nas bibliotecas e a posta en marcha das primeiras actividades. Este ano facémolo con máis motivo porque as condicións xa non van ser tan restritivas como foron durante este último ano e medio. Esta volta á unha certa normalidade fai que vivamos as primeiras actividades deste ano con moita alegría, con moita ilusión e coa certeza de que continuaremos fomentando a lectura como un dos mellores valores que pode ter a nosa sociedade”, manifesta a concelleira de Cultura, Natividade González, diante do inicio do curso nas bibliotecas.