Solapas principales

Mulleres de Seu conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais celebrando o seu primeiro foro no Concello de Ames

Sábado, 16 de octubre de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, acompañado de Juan Garastegui, secretario xeral de Clun, ademais de Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu,  inauguraron hoxe no pazo da Peregrina de Bertamiráns o I Foro “O liderado das mulleres no rural galego”. A xornada,  coincidiu coa conmemoración do Día Internacional da Muller no Rural e fundamentouse no obxectivo de difundir e por en valor a achega das mulleres no desenvolvemento rural de Galicia. Á clausura acudiu a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza. Tamén estiveron  a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz, a de Benestar Social e Igualdade Luísa Feijóo, e José Angel Blanco, presidente de Clun.

A asociación Mulleres de Seu, impulsada pola cooperativa láctea CLUN, pretende que este foro ofreza unha perspectiva real e actual do territorio, afastada de estereotipos e visións idealizadas da vida no rural. O evento, no que participaron 90 mulleres, acolleu charlas, debates, unha exposición de iniciativas e proxectos empresariais apoiados por mulleres. O Foro contou tamén coas actuacións musicais de As Maianas, patrocinada polo departamento de Cultura de Ames e Marcos Valcarce, pola consellaría de Promoción Económica. Ademais, a concellería de Igualdade que dirixe Luísa Feijóo colaborou xunto coa Asociación de Alfombristas de Ames na elaboración dunha a alfombra  conmemorativa que presidía a entrada do Pazo. A mestra artesá palilleira, Ana Rosa Liste, instalou na sala do 1º andar do Pazo onde se celebrou a xornada, a súa exposición "Camiño do Encaixe". 

Inauguración 

Nas intervencións da inauguración e a clausura, salientouse por parte de todos e de todas o grao de cooperación co que se preparou o evento, agradeceuse o interese suscitado non só nas mulleres participantes, senón tamén en moitos sectores da sociedade que, dun xeito ou outro, apoiaron o evento e apuntouse a necesidade de que o Foro servise para visibilizar á muller como motor de desenvolvemento e dinamización do rural. O alcalde de Ames, Blas García, lembrou a vinculación estreita que o concello ten con Clun e declarou a súa admiración profunda polas mulleres do rural que “traballaron a reo na terra e na casa, sen horarios e en tantas ocasións facendo de pai e nai, como fixo miña nai cando meu pai estaba emigrado”. Visiblemente emocionada, Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu, agradeceu ao concello a dispoñibilidade prestada desde o minuto un á preparación do Foro e fixo fincapé no papel das mulleres “que ademais ademais da actividade agrícola e gandeira, levamos adiante outras tarefas que permiten la diversificación da economía, como o turismo rural, a artesanía ou a cosmética natural”. Pola súa banda, Juan Garastegui, secretario xeral de Clun, agradeceu á organización e a todos os patrocinadores a colaboración prestada e manifestou o compromiso que Clun tiña coas mulleres do rural. 

Posta en común de coñecementos 

Durante todo o día, mulleres de distintos perfís e sectores de actividade compartiron coñecementos e experiencias nunha mesa de reflexión e debate, moderada por Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade. Ademais presentouse un informe sobre a situación das mulleres no sector do transporte e abordáronse temas como a formación técnica agraria ou a presenza de mulleres en espazos de decisión.

 Cómpre salientar a aceptación que tivo a a exposición instalada no pazo, aberta a todos os públicos, e na que se amosaban distintas iniciativas empresariais e proxectos promovidos por mulleres e asociacións de mulleres. A ourivaría, os produtos ecolóxicos e a cosmética natural foron algúns dos produtos que formaron parte desta mostra. 

Clausura 

Na clausura da xornada José Angel Blanco, presidente de Clun, falou  da dificultade de “concentrar nunha xornada todos os agradecemento e recoñecementos ás mulleres nunha soa xornada porque “históricamente a muller do rural convertía os 365 días en 710 porque a parte do traballo do campo,  e o coidado dos animais, ocupábase do traballo da casa, do coidado dos maiores e a educación dos fillos”. 

 A intervención de Ana Paz, a concelleira de Promoción Económica, estivo chea de agradecementos: a Mulleres de Seu ter elixido Ames e o pazo da Peregrina para o celebración do evento, ao departamento de Benestar Social do concello de Ames “que dirixe a miña compañeira, Luísa Feijóo, e que día a día traballan para que a igualdade exista”, ás experiencia das mulleres do rural, grazas as que “hoxe vemos un chisco máis do rural con experiencias propias”, “polo seu empeño en seguir mellorando e aprendendo” e a Xuntanza de Empresarios de Ames “por ofrecer o servizo de conciliación para que as mulleres asistentes puidesen participa”. A concelleira lembrou a importancia das mulleres no rural cun exemplo claro: “sen elas, sen o seu traballo de 24 horas e 7 días á semana moitos dos produtos que utilizamos día a día, como o leite ou unha leituga, non poderían existir”. 

 A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembrou as súas orixes amesás “teño especial cariño por Ames porque a miña avoa e os meus bisavós eran de aquí” e aseverou que “as mulleres foron e seguen sendo as raíces que cimentan o desenvolvemento sostible do territorio”. Lembrou a conselleira que “hai 20 anos era imposible pensar que unha muller galega puidese ser titular dunha explotación agraria e agoara superan o 50% “ e recoñeceu que maila a todo aínda hai moito por facer: “somos conscientes de que é necesario que sigamos traballando para mellorar a vida laboral e persoal das mulleres no rural, impulsando novas oportunidades profesionais, traballando para a súa formación e pola conciliación e procurando que se faga real esa compartición de tarefas domésticas, de coidado de fillas e fillos e de maiores. 

 O I Foro “O liderado das mulleres no rural galego” desenvolveuse coa colaboración de APETAMCOR, e o apoio de a asociación AGACA e a Red Eusumo. o Concello de Ames, e a Asociación de empresarios de Ames XEA.  

Mulleres de Seu
Mulleres de Seu comezou a súa andaina no ano 2013, no seo da cooperativa CLUN, co obxectivo de empoderar e motivar ás mulleres do sector agrogandeiro. Desde entón traballa pola visibilidade e o recoñecemento do seu papel no ámbito rural . Ao longo destes anos Mulleres de Seu recibiu importantes recoñecementos. Entre eles o “Premio á Igualdade de Oportunidades”, outorgado por Cooperativas agroalimentarias de España, o “Premio pola Imnovación da muller no rural”, de AGADER e o “Premio a favor da Igualdade – Medallas Emilia Pardo Bazán” que concede a Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La mujer rural del siglo XXI reivindica su papel como pilar fundamental para el desarrollo del territorio"

El Correo Gallego: "Alicerces en feminino para construír riqueza no rural"

I Foro Mulleres de Seu

Multimedia

  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu
  • I Foro Mulleres de Seu