Acompañados do alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo e membros do Partido Popular de Ames, o delegado Territorial da Xunta de Galicia para a Provincia de A Coruña, Gonzalo Trénor amais a Xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, visitaron esta mañá as obras de remodelación que veñen de realizarse no Centro de Saúde de Bertamiráns onde se atende a 15.671 pacientes. As obras, nas que se investiron 300.000 euros, melloran a eficiencia enerxética do edificio e ofrecen máis comodidades aos usuarios/as. No transcurso da visita, o alcalde de Ames, aproveitou para pedir ao delegado da Xunta a ampliación do Centro de Saúde de Bertamiráns e comprometeuse a axilizar os trámites para a cesión do terreo de titularidade municipal onde se vai a construír.
As obras do Centro de Saúde de Bertamiráns consistiron en substituír a cuberta e lucernario actuais co obxectivo de garantir a estanquidade. Ademais abordáronse actuacións de mantemento e mellora da pintura interior e exterior do centro, reparáronse as fachadas, os falsos teitos e xanelas, renovouse a iluminación, reparouse o pavimento na zona exterior e remodelouse a área de recepción e ampliouse o acceso ao PAC a través da colocación dunha porta corredeira e mellora do pavimento.
Ademais, realizáronse actuacións nas instalacións para acomodalas á normativa actual, fundamentalmente substituíndo a iluminación por sistemas de maior eficiencia enerxética, cuestión que salientou o Delegado Territorial, Gonzalo Trenor: “Estas actuacións melloran a eficiencia enerxética do edificio e permiten ofrecer maior comodidade aos usuarios”. Trenor puxo ademais en valor o investimento da Xunta na sanidade pública do concello de Ames lembrando que “ademais desta reforma, en xaneiro deste mesmo ano comezou a funcionar o novo centro de saúde do Milladoiro tras un investimento de 2,6 millóns de euros, unha infraestrutura que conta cunha superficie de máis de 2.100 m² e que quintuplica a do centro de saúde ao que substituíu".
Pola súa banda, a Xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, gabou a inversión e os beneficios que conleva para a mellora do centro, dos profesionais que o atenden e da atención aos pacientes. Engadiu Núñez que: “No centro de saúde de Bertamiráns incrementamos nos dous últimos anos 2 médicos, dous enfermeiros, e unha persoa de servizos xerais administrativo, para atender aos doentes. Evidentemente, o concello tamén mellorou nesas unidades e servizos de apoio, para as que antes había que desprazarse a Santiago, como a unidade de fisioterapia, odontoloxía, a hixienista dental e o servizo de farmacia, estes dous últimos entraran agora en funcionamento no propio Centro de Saúde. Todos os servizos que proporcionamos a nivel de atención primaria están xa neste concello, incluíndo a reforma do PAC para a propia zona de Bertamiráns e o concello de Brión, que tamén proporcionamos neste centro”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, aproveitou para lembrar que “Ames é o Concello que máis medra de Galicia e que non sempre medraron ao mesmo ritmo os servizos que require” e amosou a súa satisfación porque o Sergas e o Concello estiveron de acordo nas reivindicacións históricas que en materia de saúde levaba facendo a cidadanía durante anos tanto en Milladoro, coa posta en marcha do Centro de Saúde, como en Bertamiráns coa remodelación do Centro.
Futura ampliación do Centro de Saúde en terreos de titularidade municipal
No transcurso da visita, o alcalde de Ames, pediu ao delegado territorial que axilizase a ampliación do Centro de Saúde de Bertamiráns e comprometeuse a que o concello faría as dilixencias necesarias para ceder ao SERGAS o terreo que o concello posúe á beira do Centro de Saúde: “No seu momento, a través dunha videoconferencia co concelleiro pediramos a ampliación do Centro de Saúde de Bertamiráns, para o que por sorte contamos cun espazo de titularidade municipal ao lado, polo cal será moito máis doado facer esa cesión do terreo ao SERGAS”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Termina la reforma del centro de salud de Bertamiráns y el Concello pide su ampliación"
El Correo Gallego: "Fin de obras en un centro de salud de Bertamiráns que piden ampliar"
Compostela 24 Horas: "Finalizan las obras de mejora del centro de salud de Bertamiráns en las que se invirtieron más de 300.000€"