Solapas principales

O concello tínxese de azul co gallo do Día Mundial da Diabetes

Sábado, 13 de noviembre de 2021

O 14 de novembro conmemórase o Día Mundial da Diabetes, celebración que este ano cadra co centenario do descubrimento da insulina. Co gallo deste acontecemento, o a Casa do Concello tinxirase de luz azul, colocarase unha pancarta conmemorativa nun balcón municipal e proxectarase un vídeo elaborado por ANEDIA nas pantallas que están situadas na Casa do Concello e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. As accións completaranse coa difusión nas redes sociais municipais da celebración.

Os obxectivos das accións que organiza o concello dende a Concellería de Benestar Social e Promoción da Saúde co gallo do Día Mundial da diabetes son: visibilizar a enfermidade, suliñar a necesidade de seguir investigando en tratamentos que melloren a vida dos doentes e conseguir que a cidadanía se conciencie da necesidade de adoptar hábitos de vida saudable que preveñan a enfermidade e facer revisións que permitan detectala a tempo.
Este ano, o Día Mundial da Diabetes coincide co centenario do descubrimento da insulina, tratamento que evitou a morte que até entón teñan asegurada as persoas que contraían a doenza.

O Concello propón todas estas accións en colaboración con ANEDIA,Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia, que da soporte á diabetes tipo 1, unha enfermidade crónica e autoinmune, coa que conviven máis dun milleiro de alumnos dos centros educativos galegos e varios miles de galegos e galegas. ANEDIA lembra que esta é “unha enfermidade que ano tras ano segue aumentando a súa incidencia” .

Para a concelleira de Benestar e Promoción de Saúde “é moi importante sensibilizar sobre este tipo de doenzas e sobre todo dalas a coñecer para poñer o foco na prevención e sobre todo na desmitificación de determinados aspectos”. Luísa Feijóo engade que “no caso da diabetes é importante saber diferenciar entre o tipo I e o tipo II e sobre todo unha vez que aparece a enfermidade saber a onde dirixirse, quen e onde nos poden axudar, apoiar, informar, especialmente nos casos dos nenos e das nenas”. Neste senso a concelleira suliña a necesidade de transmitir que a doenza “non é para nada invalidante, que se pode seguir levando unha vida totalmente normalizada e acudindo a actividades, excursións ou nun determinado momento tomar un zume” A concelleira rematou gabando o “o labor tan importante que fan as asociacións”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La consistorial de Ames se tiñe de azul por el Día Mundial de la Diabetes"

Día Mundial da Diabetes