- Tematica
Co gallo do Día Mundial das persoas con (dis)capacidade, a concellaría de Benestar Social e Igualdade prepara para o 3 de decembro un almorzo coa Asociación Arcea Adames. A xuntanza desenvolverase na Casa de Cultura de Milladoiro. Ademais, desde o departamento, convídase á cidadanía amesá a participar na campaña "Baixo o mesmo paraugas" que organizan 90 entidades sociais galegas e que propón subir ás redes sociais fotos con paraugas abertos como símbolo de reivindicación por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas.
O persoal do departamento de Benestar Social e Igualdade prepara o xa tradicional almorzo cos homes e mulleres da Asociación Arcea Adames que se celebra desde hai anos para conmemorar o Día Mundial das persoas con (dis)capacidade. Logo de que o ano pasado esta xuntanza se celebrarase de xeito virtual por mor da pandemia, este ano o persoal do departamento compartirá mesa e mantel cos homes e mulleres da asociación. Iso si, con restricións en materia de distancia e uso de máscaras derivadas da nova normativa no sector da hostalería imposta pola subida dos casos de COVID e a ameaza da variante surafricana da enfermidade.
Para a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, é sempre moi agarimoso compartir estes momentos cos integrantes de ARCEA ADAMES, escoitalos, que che comenten as súas anécdotas, o que fan, o que lles gustaría facer...” . Feijóo engade que “o significado das palabras é importante, por iso, na meirande parte dos documentos do seu departamento, ponse un X ou unha paréntese sobre o prefixo "dis": "Preferimos falar de distintas capacidades. O primordial é, sobre todo, non ferir cas nosas palabras a outras persoas. Non menosprezar nin minusvalorar as súas capacidades". A concelleira comentou ademais que “é moi importante celebrar estes días sobre todo co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida; son días para acabar co descoñecemento, a indiferenza, os prexuízos e a sobre protección ás que se ven sometidas estas persoas a través da sensibilización e o apoderamento.
Campaña "Baixo o mesmo paraugas"
Ao abeiro da celebración, o Concello de Ames súmase á campaña "Baixo o mesmo paraugas", consistente en inzar as redes sociais de fotos con paraugas abertos e mensaxes positivas cos hashtag #ParaugasPolaDiscapacidade e #BaixoOMesmoParaugas. Asemade, a campaña propón a compartir o evento virtual a través da etiqueta @galiciadiversa. Con este xesto, a campaña pretende poñer o foco na necesidade de loitar por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas.
Día Mundial das persoas con Discapacidade
A ONU instaurou o Día Mundial das persoas con Discapacidade no ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con Discapacidade en todos os ámbitos da sociedade. Este ano o lema da campaña é ”Apoderar ás persoas con discapacidade”. A Axenda 2030comprométese a "non deixar a ninguén atrás". Y para elo hai que garantir a súa integración e igualdade. O que se pretende é concienciar á sociedade de que a discapacidade forma parte da condición humana e que todos, nalgún momento das nosas vidas, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente.
Novas relacionadas
AMSGO!: "Almorzo con Arcea-Adames polo Día Mundial das persoas con (dis)capacidade"