Solapas principales

Almorzo con Arcea Adames no Día Mundial das persoas con (dis)capacidade

Viernes, 03 de diciembre de 2021

Co gallo do Día Mundial das persoas con (dis)capacidade, a concellaría de Benestar Social e Igualdade, acompañada dos concelleiros/as Escarlata Pampín do BNG, Quique Costas, de Ames Novo e Xosé Ramón Oulego, de Ciudadanos, almorzou cos rapaces e rapazas da Asociación Arcea Adames e as súa monitoras Mónica e Cristina. A concellaría obsequiou a cada un dos participantes cunha cesta saudable de froitas variadas. Ademais, o departamento de Benestar convida á veciñanza de Ames a sumarse á campaña "Baixo o mesmo paraugas" que organizan 90 entidades sociais galegas e que propón subir ás redes sociais fotos con paraugas abertos como símbolo de reivindicación por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas. A cativada da Escola Infantil de A Madalena xa se uniu á iniciativa.

Chocolate, churros e tortilla. O xa tradicional almorzo que a concellaría de Benestar ofrece aos membros da Asociación Arcea Adames desenvolveuse na Casa de Cultura de Milladoiro. Nun ambiente distendido, todos/as manifestaron a “satisfacción que lles causa saír da rutina diaria e asistir a actividades coma esta”. Moncho falou da súa participación no mural “Terra de Mulleres. As voces dos valos” que se fixo en Biduído. Juan lembrou algunha das aliñacións de fútbol do mundo que se sabe de memoria. Mari Carmen, como di ela, "dixo unhas palabras". Martín fixo rir a todos e a todas coas súas historias sobre Milladoiro. Eva contou como estaba a súa familia e Nieves gabou a súa participación no programa “Movemento e corporalidade”.  Todas e todos, incluídos a concelleira e os políticos que a acompañaban, gabaron a elegancia coa que Robin acude sempre a estas reunións.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo amosou a satisfacción que lle produce compartir estas xuntanzas: “é un dos momentos mais gratificantes do traballo que se desenvolve dende a Concellería, é un gusto compartir estes momentos por todo o cariño que nos dan e as leccións de vida que nos aportan.

Campaña "Baixo o mesmo paraugas"
Ao abeiro da celebración, o Concello de Ames súmase á campaña "Baixo o mesmo paraugas", consistente en inzar as redes sociais de fotos con paraugas abertos e mensaxes positivas cos hashtag #ParaugasPolaDiscapacidade e #BaixoOMesmoParaugas. Asemade, a campaña propón a compartir o evento virtual a través da etiqueta @galiciadiversa. Con este xesto, a campaña pretende poñer o foco na necesidade de loitar por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas.

Respondendo á campaña, os rapaces e rapazas da Escola Infantil da Madalena, acompañados/as das súas profesoras fixeron esta mañá varias fotos que xa subiron ás redes

Día Mundial das persoas con Discapacidade
A ONU instaurou o Día Mundial das persoas con Discapacidade no ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con Discapacidade en todos os ámbitos da sociedade. Este ano o lema da campaña é ”Apoderar ás persoas con discapacidade”. “A Axenda 2030 comprométese a "non deixar a ninguén atrás". E para elo hai que garantir a súa integración e igualdade”, lembra a concelleira Feijóo, quen engade “O que se pretende é concienciar á sociedade de que a discapacidade forma parte da condición humana e que todos, nalgún momento das nosas vidas, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Los ediles desayunan con sus vecinos más capaces"

Amorzo Arcea Adames

Multimedia

  • Amorzo Arcea Adames
  • Nenos da Madalena
  • Madalena