- Tematica
O Goberno municipal de Ames continúa traballando na municipalización do servizo do Ciclo Integral da Auga. Para iso mantiveron esta mañá unha xuntanza na Casa do Concello con María Sánchez, concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Concello de Valladolid, así como presidenta da entidade pública empresarial Aquavall. Tratouse dun encontro no que a presidenta de Aquavall explicou o funcionamento de dita entidade pública co obxectivo de que serva de referencia para o proceso de municipalización da agua no Concello de Ames.
Esta mañá o Goberno municipal de Ames recibiu no salón de plenos da Casa do Concello a María Sánchez, concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Concello de Valladolid e presidenta da Entidade Pública Empresarial Local “Aquavall”, entidade que xestiona directamente os servizos de abastecemento de auga, saneamento e depuración das augas residuais na cidade de Valladolid.
A dita xuntanza asistiron en representación do Goberno municipal; o alcalde, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e mailo voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil. Asemade, asistiron varios/as técnicos municipais; secretaria, interventora, tesoureira e mailo técnico do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames. A concelleira de Economía e Facenda foi a encargada de presidir a xuntanza ata que se incorporou o alcalde. Genma Otero non puido estar ata o final de dita reunión e tivo que ausentarse por motivos persoais.
O obxectivo deste encontro foi a toma de contacto para poder intercambiar información e coñecer de primeira man como se foi desenvolvendo este proceso de municipalización en Valladolid, proxecto pioneiro relativo á municipalización dos servizos ligados ao Ciclo Integral da Auga que comezou en 2017.
A concelleira e presidenta de Aquavall, María Sánchez, expuxo as vantaxes do cambio de modelo a xestión directa dos servizos indicando que coa municipalización do servizo en Valladolid, nesta nova etapa de xestión pública directa, non só se amosan cifras moi positivas que garanten que é un modelo máis sostible que a xestión indirecta, a través de concesións, senón que se reforzaron os investimentos en saneamento e depuración, renovación de infraestruturas e tamén actuaron no ámbito da atención á cidadanía con ampliación de horarios de oficina, reforzo na atención telefónica, posta en marcha dunha oficina virtual, actuando tamén no ámbito social, con bonificacións para colectivos e familias con dificultades económicas.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradeceu a presenza en Ames de María Sánchez, “para intercambiar opinións de cara á municipalización do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames. Xa presentamos a memoria xustificativa do cambio de modelo de xestión da auga e agora quixemos aproveitar a visita de María Sánchez a Santiago de Compostela como poñente dunha Charla sobre "Os Beneficios da Xestión Pública da Auga", para ter unha xuntanza con ela e compartir opinións e cambio de información de cara a municipalización do CIA en Ames”.
A Comisión de Validación aproba a memoria definitiva
Cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado mes de xuño a Corporación Municipal aprobou por maioría absoluta iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames e crear unha Comisión encargada de validar a memoria xustificativa do cambio do modelo de xestión a unha xestión directa. Este acordo aprobouse co voto favorable do Goberno municipal e dos dous concelleiros do Grupo Mixto (Ames Novo e Ciudadanos) e coa abstención do Partido Popular. Isto supuxo o primeiro paso formal de cara á municipalización do servizo, despois dun importante traballo e estudos previos sobre dito servizo.
Constituída dita Comisión de Estudo, presidida polo alcalde, e por representantes políticos dos distintos grupos de Goberno e oposición, así como técnicos municipais, logo de varias xuntanzas de traballo finalmente aprobouse dita memoria xustificativa e someteuse a consulta pública no Portal de Transparencia do Concello de Ames, entre o 9 de setembro e o 9 de outubro de 2021. Durante dito período non se formularon alegacións, suxestións ou achegas.
Posteriormente, o pasado 4 de novembro reuniuse a Comisión de Validación e unha vez rematada a consulta pública, en xuntanza celebrada pola Comisión aprobouse por maioría a Memoria Definitiva dándose por finalizados os traballos de dita Comisión.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Valladolid expón vantaxes de municipalizar a auga"