- Tematica
As Bibliotecas Municipais de Ames xa arrincaron parte do seu programa para o mes de Nadal, con talleres, encontros e os libros como protagonistas. Ás actividades de animación á lectura para a rapazada, coas inscricións xa abertas, engádenselle o último encontro literario do trimestre, con Xosé Luís Santos Cabanas, así como varios obradoiros de temática navideña. Ademais, os usuarios e usuarias das bibliotecas poderán recibir nestes centros unha recomendación diaria do Apalpador, cun calendario de advento literario con lecturas ata o día de Noiteboa.
Os libros son os protagonistas na programación de Nadal das bibliotecas amesás, que inclúe actividades para todos os públicos e en ambos centros. Así o demostra o calendario de advento que dá a benvida ás persoas usuarias do servizo municipal, con 24 recomendacións de lectura, dende o día 1 ata Noiteboa, realizadas por un particular Apalpador. Esta iniciativa acompañará durante practicamente todo o mes a obradoiros, visitas e encontros no Milladoiro e en Bertamiráns.
Talleres e contacontos para a cativada
A sesión de contacontos “Bruxas, xigantes e galiñas”, orientada á rapazada dos 3 aos 8 anos, foi a primeira actividade do mes, con tres paradas no Milladoiro o 30 de novembro e os días 1 e 2 de decembro. Coas inscricións xa pechadas, pasará por Bertamiráns os días 14, 15 e 16 de decembro, a partir das 17:30 horas.
Por outra banda, o obradoiro “Decora o teu Nadal”, pensado para a cativada dende 3º a 6º de primaria, terá lugar en Bertamiráns, o mércores 22 de decembro, e no Milladoiro, o xoves 23, ambos ás 11:30 horas. Neste taller, as nenas e nenos elaborarán os seus propios adornos e decoracións de cara a estas festas. As inscricións estarán abertas ata o sábado 18 de decembro, contactando ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.
Actividades na biblioteca do Milladoiro
A biblioteca do Milladoiro acollerá dúas actividades máis durante a terceira semana de decembro. O luns 13 ás 12:00 horas as familias do programa Espazos das Familias, con nenos e nenas de 0 a 6 anos, visitarán o centro como parte dos seus encontros semanais, co fin de que a cativada coñeza as instalacións e o funcionamento deste servizo municipal.
Uns días despois, o venres 17, a Asociación Arcea Adames, que vén de celebrar un almorzo coa Concellaría de Benestar Social co gallo do Día Mundial das persoas con Discapacidade, desprazarase ata a biblioteca do Milladoiro para realizar un obradoiro de Nadal.
Último encontro literario do trimestre, con Xosé Luís Santos Cabanas
As Bibliotecas Municipais celebran o último “Encontros Literarios en Ames” do ano co escritor Xosé Luís Santos Cabanas e o seu libro, “É todo conto?”. A presentación será este xoves 16 de decembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, con entrada libre ata completar aforo.
Con este cuarto encontro literario, as Bibliotecas Municipais de Ames pechan o trimestre dunha das actividades principais do Programa de Animación á Lectura para público adulto. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns xa recibiu ata o momento aos autores Salvador Lladó, Emma Pedreira e Alfredo Conde, que presentaron os seus últimos traballos á veciñanza amesá.