Solapas principales

Feijóo e o alcalde de Ames abordan a evolución de proxectos de interese para o municipio, como a mellora do saneamento

Lunes, 13 de diciembre de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Ames, Blas García, a mellora da rede de saneamento do municipio e, en concreto, a ampliación da EDAR de Sisalde. Ademais, tratouse a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns; a construción dun Centro de Día de atención a maiores; e a creación de novas vías de comunicación no Milladoiro para tratar de reducir o tráfico na N-550. A xuntanza discorreu con absoluta cordialidade. Blas García entregoulle ao presidente da Xunta varios agasallos do Concello de Ames e invitouno a acudir á Casa do Concello.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu esta mañá nas dependencias de San Caetano, ao alcalde de Ames, Blas García. Cómpre destacar a relación cordial coa que discorreu a xuntanza entre ambas Administracións, para tratar de avanzar en temas de interese para o Concello de Ames e para veciñanza amesá.   

O alcalde de Ames, Blas García,destacou ”a boa sintonía existente entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames e agradezo a receptividade amosada polo presidente. É fundamental que exista cordialidade e colaboración entre ambas Administracións para que poidamos acordar asuntos importantes para a veciñanza de Ames que son e serán os grandes beneficiados dunha relacións institucional positiva".

O primeiro tema tratado foi a necesidade de ampliar a depuradora de Sisalde. O alcalde de Ames deulle conta ao presidente da situación actual de dita EDAR e solicitou o compromiso da Xunta de Galicia para elaborar o proxecto para a ampliación da depuradora. Núñez Feijóo amosou a súa receptividade con este proxecto e comprometeuse coa redacción do proxecto.

Logo de lembrar que esta obra está incluída no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa cun orzamento estimado de 5,5 millóns de- euros, Feijóo trasladoulle ao rexedor amesá a posibilidade de incrementar ese financiamento de ter que actuar tamén nos colectores. Nese caso, avogou por unha busca conxunta de financiamento, como optar aos fondos Next Generation ou ao Feder do seguinte período.

Novas vías de comunicación para O Milladoiro
Por outra banda, tratouse a creación de novas vías de acceso ao Milladoiro para tratar de diminuír o tráfico da N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. O obxectivo é crear novas vías de entrada e saída dende o polígono Novo Milladoiro e dende os lugares de Ventín e Paramuíño que enlacen co corredor AC-522 e coa AG-56.

Ampliación do centro de saúde de Bertamiráns
Outros dos asuntos tratado foi a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns onde se atende a 15.671 pacientes. O alcalde de Ames trasladoulle ao presidente da Xunta a vontade de poñer a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para dita ampliación, que se atopan ao carón do actual centro de saúde. Neste senso, Feijóo fixo fincapé nas melloras levadas a cabo nas infraestruturas sanitarias do municipio, como o novo centro de saúde do Milladoiro ou a reparación do ambulatorio de Bertamiráns.

Construción dun Centro de Día
Por último, Blas García propúxolle a Alberto Núñez Feijóo a construción dun Centro de Día de atención a maiores. Para elo xa existe unha parcela en Bertamiráns que se cedería a Xunta e Galicia co obxectivo de executar dita infraestrutura. Blas García destacou a necesidade de dispor dun Centro de Día público de atención aos maiores para prestar dito servizo á poboación maior. O presidente da Xunta comprometeuse a estudar a viabilidade deste proxecto.

Investimento no eido educativo
No tocante á educación, o presidente da Xunta valorou que nos próximos dous anos está prevista a construción dun novo CEIP no Milladoiro –cun orzamento de 4,5 millóns de euros- e a ampliación do CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas.

Neste senso, Blas García destacou “os investimentos que se van a realizar no noso concello, especialmente no ámbito educativo, como son o novo CEIP de Milladoiro ou a ampliación do CEIP de Agro do Muíño; así como a construción do Centro de Saúde de Milladoiro”.

Blas García entregoulle ao presidente da Xunta varios agasallos do Concello de Ames (un libro de fotografías de Ames; un libro da poetisa de Ames, Filomena Fraga; e outro libro do cronista oficial de Ames, Maximino Viaño). Ademais, entregoulle unha peza (un plato coa “a” de Ames) elaborada pola artesá amesá, Rosa Ana Lista. Blas García tamén convidou a Feijóo a acudir á Casa do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Feijóo ofrece elevar la inversión en la EDAR de Sisalde, en Ames"

El Correo Gallego: "Feijóo respaldará que se amplíe la depuradora de Sisalde si se cofinancia"

Compostela 24 Horas: "Feijóo e o alcalde de Ames abordan a evolución de proxectos de interese para o municipio"

Lindeiros: "Reúnense, por primeira vez nunha década, o alcalde de Ames e o Presidente da Xunta de Galicia"

AMSGO!: "Blas García e Feijóo reúnense para tratar a evolución de proxectos en Ames"

Imaxe da xuntanza entre o alcalde de Ames e o presidente da Xunta

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza entre o alcalde de Ames e o presidente da Xunta