- Tematica
Hoxe ás 20.00 horas preséntase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as modificacións realizadas para mellorar a aplicación de Orzamentos Abertos que recolle a información da xestión orzamentaria municipal. Dita aplicación foi creada en 2017 para que a veciñanza amesá teña acceso, de xeito facilmente comprensible e manexable, a toda a información económica do Concello, orzamento municipal, detalle de ingresos e gastos por áreas, pago a provedores, etc. Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Economía e Facenda. Esta nova ferramenta informática basease nos principios de transparencia, eficiencia, participación e consulta.
Dende a Concellaría de Economía e Facenda invitan á veciñanza de Ames a acudir a presentación que se vai realizar hoxe, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para presentar as modificacións de mellora na aplicación de Orzamentos Abertos. Dende o Concello de Ames convidouse a todas as asociacións de veciños/as a participar en dita presentación. No acto intervirán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, a interventora, a tesoureira municipal e persoal do departamento de servizos económicos.
A concelleira de Economía e Facenda explica que “os novos cambios e avances feitos na aplicación de Orzamentos Abertos do Concello de Ames permiten coñecer de xeito facilmente comprensible e manexable todos os datos e información económica do Concello: orzamento municipal, ingresos e gastos por áreas, pago a provedores, etc. Este aplicativo é unha ferramenta baseada nos principios de transparencia nas contas públicas que permite a consulta, seguimento, tratamento e evolución dos datos económicos”.
Vídeo explicativo sobre a aplicación
Entre as mellora realizadas destaca a inclusión no portal web dun vídeo explicativo sobre as diferentes opcións dispoñibles dentro do aplicativo de orzamentos abertos. Cargáronse na aplicación novos datos económicos que están divididos en diferentes apartados como son: Visión global; Políticas concretas; Pagos e investimentos; O que ti achegas; e Que quere dicir...?
Ademais, existe un apartado denominado: Como e onde gasta o Concello de Ames?, no cal se amosa dun modo claro como se distribúe o orzamento municipal, de onde veñen os ingresos e a que se destina o gasto. Tamén existe un buscador na páxina páxina principal da aplicación.
No apartado de Visión global ofréceselle á veciñanza unha idea sobre os ingresos e gastos do Concello de Ames. Na sección de Políticas pódese ver cales son as áreas nas que se gasta máis diñeiro, como se gasta e cales son as principais vías de ingreso. En Pagos e investimentos móstranse en detalle os pagos e provedores e as facturas correspondentes a ditos pagos efectuados polo Concello, mentres que na sección de O que ti achegas, amósase de forma aproximada como se distribúe o diñeiro que cada veciño/a achega cos seus impostos. Por último, dentro do apartado de Que quere dicir...? existe un glosario coa explicación de diferentes termos como aforro neto, capacidade de financiamento, débeda viva, etc.
Información económica dende 2014 ata 2021
Nesta aplicación está subida información económica dende o exercicio 2014 ata o 2021 (datos dos orzamentos de ditos exercicios, dereitos recoñecidos netos, obrigas recoñecidas netas e pago a provedores). Os datos do exercicio 2021 son provisionais. Ademais, cómpre destacar que se ofrece información sobre o presupostado e o nivel de execución. A veciñanza poderá acceder a todos estes datos dunha forma sinxela e moi intuitiva, así como descargalos en formato CSV e Excel.