Solapas principales

O Club de Debate pon en marcha a súa décima edición cunha xornada de formación na que participaron 50 rapaces e rapazas

Viernes, 28 de enero de 2022

O salón de actos do IES do Milladoiro foi o escenario elixido para por en marcha a décima edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación. Nela participaron 50 rapaces de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano participan no certame tres equipos do IES do Milladoiro e dous do IES de Bertamiráns. En dita xornada impartíronse nocións para orientar a práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para mellorar as intervencións orais públicas.

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera. Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizan esta edición son sete: Ames, Santiago de Compostela, Teo, Negreira, Pontevedra, Dodro e Cedeira. En total, participarán 12 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato pertencentes a 10 centros de ensino. Nesta edición, o concello con maior número de equipos participantes é Ames cun total de 5 equipos (3 grupos do IES do Milladoiro e 2 grupos do IES de Bertamiráns).

O Club de Debate consiste nun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posición respecto ao tema proposto (a favor e en contra).

Nesta edición realizaranse dúas fases de clasificación para pasar a final, que serán no auditorio de Negreira o martes 5 e o mércores 6 de abril. O tema de debate de ditas xornadas de debate será A liberdade individual está por riba dos intereses colectivos? De cada fase de clasificación pasarán 3 equipos á final. O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá 500 euros e o segundo clasificado será galardoado con 300 euros. O equipo que quede en terceira posición tamén pasará á gran final, pero non disporá de premio en metálico.

A gran final será o 6 de maio en Pontevedra. Os 6 equipos finalistas terán que debater sobre se Os espazos educativos favorecen o uso da lingua.

Xornada de formación
A xornada de formación tivo unha duración de catro horas na que os 50 rapaces e rapazas de Ames coñeceron o regulamento do Club de Debate 2022 e recibiron nocións e consellos básicos sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluído das intervencións. Tamén se lles impartiu nocións e consellos básicos sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario. Por último participaron nun simulacro de debate de 45 minutos, dos cales 15 foron para a elaboración do discurso e 30 para a práctica do debate e a análise en común das intervencións.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, mostrou a súa satisfacción por ser Ames o concello con maior número de equipos participantes na decima edición do Club de Debate. “Animo aos 50 rapaces e rapazas que participan neste certame a que se formen o mellor posible e sobre todo a que gocen desta experiencia que sobre todo pretende fomentar o uso do galego entre a mocidade”. Ademais, engadiu que “a través do Club de Debate trabállanse as habilidades comunicativas e a oratoria, algo que lles vai resultar de grande utilidade na formación académica e posterior vida laboral”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Arranca el Club de Debate en Ames con medio centenar de participantes"

Esta semana houbo unha xornada de formación no IES do Milladoiro na que participaron 50 rapaces e rapazas

Multimedia

  • A xornada de formación tivo unha duración de catro horas
  • Impartíronse nocións e consellos básicos sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario
  • Cartel da décima edición do Club de debate