Solapas principales

A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro

Jueves, 17 de febrero de 2022
A organización da volta ciclista “O Gran Camiño” fixo públicas as rutas e os horarios previstos das súas catro etapas, que terán lugar do 24 ao 27 de febreiro. A segunda cita do “tour”, con saída en Bertamiráns e final no mirador do Ézaro, arrincará dende a rúa Alcalde Lorenzo o venres 25 de febreiro ás 10:30 horas. Despois, pasará polo Milladoiro, volverá a Bertamiráns pola estrada vella a Santiago e collerá dirección Muxía, pasando antes por Ames, Lens e Ponte Maceira, nun tramo que incluirá un porto de terceira categoría. Os ciclistas chegarán ao Ézaro entre as 14:40 e as 15:20 horas. Preme aquí para consultar o rutómetro da proba (percorrido e horarios estimados).

O ciclismo de elite volve a Ames este 25 de febreiro co arranque da segunda das catro etapas da volta ciclista “O Gran Camiño”, un evento que percorrerá entre o 24 e o 27 de febreiro as catro provincias galegas, e que trae consigo equipos e estruturas do máis alto nivel. O evento chega despois de que neste mesmo verán o concello acollera parte da última etapa da Volta a España 2021, unha proba contra o reloxo dende Padrón ata Santiago de Compostela, e que cruzou Bertamiráns pola avenida da Maía.

Nesta ocasión, os corredores partirán dende a rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns ás 10:30 horas, despois de realizaren cinco minutos de saída neutralizada. Dende alí dirixiranse ao concello de Teo, cara a Casalonga, para despois pasar pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro arredor das 10:40 horas.

Tras un breve paso pola parte sur de Santiago de Compostela, os ciclistas volverán a Bertamiráns pola estrada vella a Santiago, entrando na avenida da Maía sobre as 11:00 horas. A continuación, tomarán a rotonda do centro da vila e subirán pola avenida da Peregrina, para dirixirse a Ponte Maceira.

O percorrido pasará pola estrada en dirección a Ames, deixando atrás Augapesada e Quintáns, onde sobre ás 11:05 horas comezará un porto de montaña de terceira categoría. Os 3,9 quilómetros de porto rematarán preto de Lens, dende onde se descenderá cara a Ponte Maceira. Os ciclistas cruzarán a ponte vella entre Ames e Negreira entre as 11:20 e as 11:30 horas.

A carreira proseguirá polos núcleos de Negreira, A Baña e Santa Comba, onde se localizará o primeiro sprint ou “meta volante”. A etapa continuará cara a Coristanco, Carballo, onde estará o segundo sprint, e despois irá a Ponteceso e Laxe. Dende aí dirixiranse á vila de Muxía, chegando ata o santuario da Virxe da Barca e virando cara a Cee, onde estará a terceira e última “meta volante”.

Dende alí os corredores afrontarán os últimos doce quilómetros de proba. Primeiro superarán o alto da Ameixenda, un porto de terceira categoría, antes de chocar contra o muro do Ézaro, unha localización clásica no mundo do ciclismo, que vive anualmente a proba do Gran Fondo Ézaro e que no 2020 viu o final da contra o reloxo individual da Volta a España, que gañou o esloveno Primož Roglič.

Cun desnivel total de 263 metros en apenas 1,78 quilómetros, o ascenso ao mirador do Ézaro ten unha pendente media do 14,75%, con cotas que chegan ao 28%. O gañador da etapa cruzará a meta e coroará o porto de segunda categoría entre as 14:40 e as 15:20 horas, poñendo fin a unha xornada de 177,6 quilómetros pola xeografía coruñesa, cun desnivel total de máis de 3.200 metros nas pernas.

Preme aquí para consultar o percorrido da etapa Bertamiráns - O Ézaro en Google Maps.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La jornada con final en Ézaro muestra la dureza de la cita"

El Correo Gallego: "Beleza e duro perfil no ‘Gran Camiño’ de Bertamiráns a Ézaro"

AMSGO!: "O Gran Camiño comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro"

A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro

Multimedia

  • A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro
  • A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro
  • A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro
  • A volta ciclista “O Gran Camiño” comparte o perfil e os horarios da etapa Bertamiráns – O Ézaro
  • Embedded thumbnail for