Solapas principales

O espazo “A Proa” acolle este xoves 3 de marzo o seu primeiro taller presencial

Miércoles, 23 de febrero de 2022

O espazo colaborativo “A Proa” celebra este próximo xoves 3 de marzo “Coworking days”, o primeiro evento dende a súa inauguración o pasado mes de novembro. O taller, que se desenvolverá de 18:00 a 19:00 horas, terá como invitado a Gustavo Marcos Cancelas, director executivo da incubadora de empresas Uninova. As persoas poderán coñecer de primeira man o que é participar nun coworking e poderán facer preguntas. A entrada está limitada a 20 persoas, e poderán reservarse de balde na web do Espazo A Proa.

O obradoiro “Coworking days” estrea o próximo xoves a oferta de actividades do espazo colaborativo “A Proa”, situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. A finalidade desta proposta é que as persoas asistentes poidan resolver dúbidas sobre o funcionamento e o traballo nun coworking, á vez que coñecen as instalacións da Proa, inauguradas o pasado mes de novembro.

O invitado principal é Gustavo Marcos Cancelas, director executivo da incubadora de empresas da Universidade de Santiago de Compostela, Uninova. É licenciado en Ciencias Físicas e conta cunha mestría en Administración de Empresas, ademais de ter experiencia en marketing e I+D en empresas como Cortizo ou Caixanova.

O obradoiro conta con 20 prazas e terá lugar o próximo xoves 3 de marzo, de 18:00 a 19:00 horas, na sala de eventos Maruxía. As persoas interesadas poden inscribirse de balde a través da páxina web do espazo A Proa.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que "durante os vindeiros meses o centro colaborativo A Proa vai a desenvolver un programa específico de actividades. Dita programación comeza o vindeiro 3 de marzo co taller denominado Coworking days: descubre o mundo de vantaxes do coworking, a cargo de Gustavo Marcos Cancelas.  A través desta actividade as persoas inscritas poderán visitar o coworking e aprender dunha persoa con moitos anos de experiencia no mundo empresarial e emprendedor".

“A Proa”, un espazo colaborativo no Milladoiro
“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

“A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Cancelas invita a coñecer o coworking do polígono"

Cartaz do obradoiro denominado Coworking days: descubre o mundo de vantaxes do coworking