Solapas principales

O Pleno aproba a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana

Viernes, 25 de febrero de 2022

Este xoves, 24 de febreiro, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de febreiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de licitación do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. Tamén se aprobou por maioría absoluta a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. Ademais, deuse conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria; da execución trimestral sobre o período medio de pago a provedores; do informe de morosidade relativo ao cuarto trimestre de 2021; e das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2021.

O pleno ordinario de febreiro comezou co alcalde dando conta ao Pleno da Corporación dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Foron 265 decretos os aprobados dende o pleno ordinario de xaneiro, do 159 ao 424. De seguido, a concelleira de Economía e Facenda deu conta da execución trimestral sobre o período medio de pago a provedores e do informe de morosidade relativo ao cuarto trimestre de 2021. Durante o cuarto trimestre de 2021 o período medio de pago a provedores foi de 38,73 días.

Tamén se deu conta das das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2021. O 18 de febreiro celebrouse a primeira sesión da Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións do Concello de Ames. O alcalde expuxo que ao longo do ano 2021 se presentaron 304 escritos, dos cales 237 consideráronse válidos (152 queixas, 78 suxestións e 7 reclamacións).

Ordenanza do incremento de valor dos terreos de natureza urbana
Posteriormente, pasouse ao debate dos asuntos recollidos na orde do día para deliberación e acordo. O primeiro punto debatido foi a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal popular, e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstívose neste punto.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, propuxo a modificación da ordenanza fiscal reguladora do incremento de valor dos terreos de natureza urbana co fin de adaptar o seu contido ao Real decreto lei 26/2021 do 8 de novembro, polo que se adapta o texto refundido da lei reguladora das facendas locais á Sentenza do Tribunal Constitucional respecto do imposto sobre incremento do valor dos terreos de natureza urbana.

Unha vez aprobada dita modificación, o acordo de aprobación provisional terá que estar en exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia. De non formularse reclamacións, o acordo de aprobación ata entón provisional quedará elevado a definitivo de forma automática. De presentarse reclamacións, terán que ser resoltas polo Pleno e aprobadas por maioría simple.

Servizo de limpeza nas instalacións municipais e centros educativos
Ademais, foi aprobado por unanimidade o expediente de contratación do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. Dito contrato estará divido en tres lotes: servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; servizo de limpeza de escolas infantís; e servizo de limpeza de instalacións de uso municipal. O presuposto base de licitación ascende a 2.049.999,77 euros (IVE incluído), por un período de tres anos.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames adapta la ordenanza sobre plusvalías y licita la limpieza de edificios públicos"

El Correo Gallego: "Apoio total á licitación do servizo de limpeza amesán"

Imaxe do pleno ordinario de febreiro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro
  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro