Solapas principales

Continúa a rolda de contactos coas empresas do sector audiovisual coa visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice

Martes, 01 de marzo de 2022

O Concello de Ames continúa coa rolda de contactos coas empresas do sector audiovisual que teñen instalacións radicadas en Ames. Neste caso o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalacións das empresas Zenit TV e Minervas Voice, que se atopan situadas no mesmo edificio da rúa da Xesta, no parque empresarial do Milladoiro. Durante a visita, Blas García e Ana Belén Paz puideron coñecer as instalacións da produtora e tamén abordaron con Zaza Ceballos, directora e produtora executiva das empresas, distintas vías de colaboración de cara ao futuro. Dende o executivo amesán apostan por fomentar a ubicación de novas empresas relacionadas coa tecnoloxía e mailo audiovisual no polígono do Milladoiro.

O Goberno municipal está realizando unha rolda de visitas a diferentes empresas do sector audiovisual que están situadas no concello de Ames. No mes de xaneiro o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalacións da empresa Ficción Producciones. En febreiro, continuando coa rolda de visitas visitaron as instalacións de Cinemar Films, e agora veñen de visitar as empresas Zenit TV e Minervas Voice.

Deste xeito, o alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e  de persoal municipal do departamento de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja e María Lloves, visitaron as instalacións das empresas audiovisuais Zenit Televisión e Minervas Voice. Ambas empresas están situadas no mesmo edifico, na rúa da Xesta, no parque empresarial do Milladoiro.

A representación municipal estivo coa directora da empresa, Zaza Ceballos, así como con outros/as directivos/as e traballadores/as da entidade. O Goberno municipal busca implicar ás empresas do sector audiovisual para tratar de colaborar en futuros proxectos.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o Concello de Ames quere facer unha aposta forte polo audiovisual que temos no noso concello, con base maioritaria no polígono empresarial Novo Milladoiro. Estamos traballando en crear vías de colaboración e sinerxias coas empresas que representan un importante sector económico”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “se está facendo unha rolda de visitas ás empresas do sector audiovisual para tratar de colaborar en futuros proxectos en común, que sirvan para poñer en valor tanto ao concello de Ames como ao sector audiovisual que está implantado no noso municipio, e que se diversifica en varios ámbitos”.

Zenit Televisión e Minervas Voice
Zenit Televisión é unha produtora audiovisual creada en 1998 e dirixida por Zaza Ceballos, con máis de 20 anos de traxectoria e máis de 2.500 horas de produción televisiva ás súas costas. O pasado venres estrearon na Coruña unha película sobre Sofía Casanova. A película, que conta cunha versión en formato  miniserie, está producida por  Zenit Televisión coa participación da CRTVG e o apoio da Agadic.

Zenit Televisión dedícase principalmente á creación, desenvolvemento e produción de ficción para televisión, documentais e programas de realidade e entretemento. Esta produtora audiovisual participou na coprodución de mini-series como Elisa e Marcela (2018); e produciu Contou Rosalía (2017); Juana de Vega. Vizcondesa do Arado (2016); e A Bela Otero (2007).

Tamén produciron diversas películas como Xirgu, a actriz (2015); Concepción Arenal, a visitadora de cárceres (2012); Emilia Pardo Bazán. A Condesa Rebelde (2010); O bonito crime do Carabineiro (2009); Romasanta (2004); Cota Vermella (2003); OT. La Película (2002); e O príncipe namorado (2002); así como en series como El último show (2020); Fontealba (2016-2017); O Faro (2013-2016); L’Alquería Blanca (2007-2013), entre outras.

Ademais, ten producido diferentes documentais, como Feitizo xenético dos Austrias (2015); O Milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval (2013); Mulleres galegas na historia (serie documental emitida entre 2013 e 2018); entre outros; programa para a Televisión de Galicia como ¡Casamos!; O sal da terra; A vida é doce; Monte do Gozo; Hospital: A vida aberta; e Vivan as Tardes!

Por outra banda, Minervas é unha plataforma de contidos audiovisuais e editoriais sobre mulleres destacadas que foi creada en 2018. Minervas Voice foi recoñecida en 2018 como proxecto finalista no concurso Nacional Innovatia 8.3, promovido polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades e a Universidade de Santiago de Compostela, que recoñece as mellores iniciativas empresariais creadas co apoio das universidades e liderada por mulleres, na categoría de Startup. Ademais, en 2018, o proxecto Minervas Voice foi galardoado co premio Emprende Gaiás-Sixto Seco da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, na modalidade de proxecto innovador para a programación de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais na Internet.

Novas relacionadas

Enfoques: "El alcalde de Ames continúa la ronda de contactos con empresas del sector audiovisual"

Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice

Multimedia

  • Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice
  • Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice
  • Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice
  • Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice
  • Imaxe da visita ás empresas Zenit TV e Minervas Voice