- Tematica
Esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ao lugar de Augapesada, na parroquia de Ames, para ver o estado da ponte romana de Augapesada, despois dos traballos de acondicionamento que foron subvencionadas nun 55% dos custo total pola Axencia de Turismo de Galicia. O importe restante, que ascende a 12.225 euros, foi sufragado con fondos municipais. Nava Castro foi recibida polo alcalde de Ames, Blas García, e polo concelleiro de Turismo, Manuel Lens. Dita ponte está situada no Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía.
A ponte de Augapesada está situada no antigo Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía. É unha ponte de cantería con arco de medio punto que conta coa catalogación de ben de protección integral (BIC). Ao lado da ponte sitúase un muíño de rodicio movido pola agua do Rego dos Pasos e tamén catalogado como BIC. A ponte e a zona que a rodea sufriron unha restauración anos atrás e agora realizouse unha segunda restauración, tanto da ponte como da zona de descanso, xa que se atopaban nun evidente estado de deterioro.
Ditos traballos tiveron un custo total de 27.225 euros, dos cales o 55% foron sufragados a través dunha axuda de 15.000 euros concedida pola Axencia de Turismo de Galicia, a través da convocatoria de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago. O importe restante, que ascende a 12.225 euros, foi sufragado con fondos municipais.
As actuacións consistiron no acondicionamento do terreo para levar o rego ao leito orixinal e que o mesmo atravese o arco central da ponte o que implicou o retranqueo dun muro de pedra. Ademais reconstruíuse o pavimento da ponte, instalouse un banco de granito e fíxose unha limpeza xeral da ponte.
Visita ás obras da ponte de Augapesada
Unha vez rematadas as obras, esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ata o lugar de Augapesada para ver como quedou a ponte de Augapesada. Alí foi recibido polo alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, o concelleiro do Partido Popular de Ames, Pablo Beiroa, a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, e mailo técnico municipal do Ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importancia de ir recuperando e rehabilitar espazos históricos do concello de Ames como neste caso é a ponte romana de Augapesada. O concello de Ames ten un potencial turístico importante que queremos desenvolver desde este Goberno, e poñer en valor os innumerables elementos e puntos a visitar. Teño que darlle as gracias á directora de Turismo, Nava Castro, por achegarse esta mañá a Ames para comprobar como quedou esta ponte tralas obras e tamén por sacar esta liña de axudas que lle permite aos concello acometer este tipo de actuacións”.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, destacou a importancia da ponte de Augapesada xa que “é un punto de referencia do Camiño de Fisterra e que está cheo de historia, xa que aquí foi onde se xuntaron as tropas señoriais o 13 de xuño 1.471 para combater ao exercito de Fonseca II, Arzebispo de Santiago, na batalla de Altamira, así como un punto para tomar folgos antes de acometer a subida de Mar de Ovellas”.
Nova liña de axudas para 2022
“A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, aproveitou a visita para lembrar que a liña de axudas do Goberno galego no marco da que se fixeron estas obras vén de convocarse de novo. Dotada co mesmo importe que o ano pasado, 1,5 millóns de euros, os beneficiarios poderán ser municipios ou particulares que deberán solicitar a axuda a través da sede electrónica da Xunta antes do 23 de marzo de 2022, podendo optar a unha subvención de ata o 75% do investimento subvencionable ata un máximo de 15.000 euros no caso de concellos e ata 10.000 euros para as solicitudes de particulares.
Nava Castro destacou que “avanzamos nun Camiño mellor sinalizado, con máis puntos de descanso e de acollida, máis accesible e sostible e tamén, máis seguro co obxectivo de seguir dicindo a España e ao resto do mundo que é tempo de camiñar a Galicia e que Galicia é un Destino Seguro”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El puente romano de Augapesada, en Ames, estrena restauración y funcionalidad"
El Correo Gallego: "Recuperan el puente de entrada a la Prolongación jacobea en Augapesada"
Lindeiros: "Restaurada a ponte romana de Augapesada en Ames"