Solapas principales

O Goberno municipal presenta o sexto orzamento consecutivo que se achega aos 29 millóns de euros

Jueves, 03 de marzo de 2022

Esta mañá o Goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2022, que ascende á cifra de 28.707.012 euros, continuando un ano máis co compromiso no investimento e desenvolvemento de programas municipais, así como co reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados pola Administración local. Trátase dun orzamento no que se aposta polos servizos básicos que segue a ser á area de maior gasto con 6.335.568,54 euros (22,07%), seguida de educación con 5.242.367,79 euros (18,26%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros (9%). Este venres, 4 de marzo, celebrarase a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas. O obxectivo é debater a aprobación de dito orzamento nun pleno extraordinario o día 9 de marzo. É o sexto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. Para ampliar información sobre o orzamento de 2022 pódese acceder a esta presentación.

Esta mañá o “tripartito amesá” presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2022. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de facer a presentación das contas para este exercicio. A continuación interviron David Santomil, voceiro do BNG, e Luís Feijóo, voceira do PSdeG. Pechou a quenda de intervención o alcalde de Ames, Blas García. Varios/as concelleiros/as do grupo de Goberno tamén asistiron á presentación de dito orzamento.

Antes de dita presentación o Goberno municipal mantivo diferentes contactos cos diferentes grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos, para a aprobación do Orzamentos municipal de 2022 do Concello de Ames. O Goberno municipal tamén negociou en Mesa Xeral de Negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao Capítulo I de persoal.

Unha vez rematado este proceso de negociación, convocouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas para este venres, 4 de marzo, ás 14:00 horas. O obxectivo é debater a aprobación de dito orzamento nun pleno extraordinario o día 9 de marzo. Tratase do sexto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende o ano 2017. En abril de 2017 aprobouse un novo orzamento municipal, despois de que o presuposto de 2012 estivese prorrogado ata ese momento. Posteriormente, houbo novos orzamentos en abril de 2018, marzo de 2019 , febreiro de 2020 e marzo de 2021.

Intervencións dos membros do Goberno municipal
O alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia de levar seis orzamentos seguidos presentados dende o ano 2015. “Parece que xa é algo normal pero ata que nós chegamos ao goberno en 2015 non era o normal, xa que o que se facía era prorrogar orzamentos anteriores. Por iso hoxe é un día importante para este Goberno porque se plasma neste documento o traballo feito durante moitos meses. É un orzamento dirixido ás persoas e pensado para os veciños e veciñas de Ames, e vese claramente, xa que as tres áreas máis importantes son as de servizos básicos, educación e servizos sociais”.    

Blas García agradeceu o traballo de Genma Otero e do seu departamento “porque a Concellaría de Economía e Facenda seguramente sexa a que menos difusión pública ten, pero é a que permite en gran medida que o resto de concellarías poidan prestar os servizos que actualmente se prestan. Ademais teño que agradecer ao Goberno do Estado os fondos proporcionados para financiar o incremento de gastos que tiveron que soportar os concellos debido á pandemia da Covid. Tamén teño que agradecer á Deputación da Coruña por seguir apostando polos concellos da provincia a través do plan Único e do POS social. Por desgracia non podemos darlle as gracias á Xunta de Galicia xa que a achega que proporciona é a mesma durante os últimos anos, polo que demostra que aposta moi pouco polos concellos nunha situación como a actual”.

O rexedor municipal explicou que “a aprobación dos últimos orzamentos favoreceu a estabilidade e tranquilidade no Goberno de Ames, algo que percibe a veciñanza de Ames. Neste orzamento apóstase polas persoas e pola mellora dos servizos a través de contratos como o de limpeza viaria, monitoraxe e conciliación, brigada municipal de limpeza do rural, mantemento de parques infantís, xardinería, alumeado led nos núcleos urbanos e no rural, etc”.

Por outra banda, a concelleira de Economía e Facenda, destacou que “é o orzamento da veciñanza, pensado para as veciñas e veciños de Ames”.  Explica que “o orzamento medra apuntalando, reforzando e blindando os servizos públicos. Ademais, aposta por continuar co esforzo no investimento público, incorporando este ano o crédito para a realización de investimentos da EDUSI Impulsa Ames, pendentes de executar, e actuacións do plan Ames Progresa”. Ademais, agradeceu as achegas económicas feitas polo Estado e pola Deputación da Coruña que permitirán poder afrontar parte dos gastos previstos.

Ademais, Genma Otero definiu a situación financeira do Concello de Ames como boa. “En 2015 cando entramos no Goberno municipal había un débeda bancaria de máis de 5 millóns de euros. Posteriormente, en 2017 amortizouse toda a débeda existente e partir de aí concertáronse varias operacións de crédito para financiar a achega de fondos propios que ten que poñer o Concello na EDUSI Impulsa Ames. Deste xeito, a 31 de decembro de 2021 a débeda bancaria ascende a 942.000 euros”.

O voceiro do BNG, David Santomil, fixo unha valoración moi positiva do orzamento de 2022 e destacou tres cuestións fundamentalmente. “Trátase do orzamento da estabilidade porque aporta continuidade ao traballo que está realizando este grupo de Goberno dende 2015. É o sexto orzamento que se vai aprobar. Isto aportou a necesaria estabilidade no traballo que se desenvolveu nestes anos. Ademais é o orzamento do entendemento xa que demostra que os tres grupos políticos que forman este Goberno saben entenderse para chegar a acordos tan importantes como é a elaboración dun orzamento municipal. Por último, é un orzamento de futuro porque é o último presuposto que vai executar este Goberno, xa que para 2023 haberá eleccións municipais”. Santomil tamén salientou “o que nós queda por diante ata o final do mandato é tratar de executar todos os investimento recollidos na EDUSI Impulsa Ames e no plan Ames Progresa”.

A voceira do PSdeG, Luísa Feijóo, explicou que “é un orzamento realista, adaptado á situación actual e á realidade do noso concello. Apostamos por seguir mantendo uns servizos de calidade, que fan de Ames un concello atractivo para vivir, tal e como demostra o ritmo ascendente da nosa poboación. Seguen blindándose aqueles servizos que para este Goberno son esenciais e que contribúen ao benestar da nosa poboación. Gustaríame resaltar o impulso que se lle está dando á area de promoción da saúde. Consideramos que a promoción da saúde non é un gasto senón que é un investimento. Deste xeito, faise un incremento neste orzamento de case un 100% de gasto nesta área, que está tendo a importancia que se merece”. Luísa Feijóo tamén destacou “o traballo da concelleira de Economía e Facenda e do persoal do seu departamento porque é un traballo pouco visible pero moi importante”.

Principais áreas de gasto
As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.335.568,54 euros (22,07%); educación e conciliación con 5.242.367,79 euros (18,26%); e servizos sociais e promoción social con 2.556.653,37 euros (9%). Estas tres áreas supoñen o 49,33% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos.

No orzamento de 2022 séguese a darlle prioridade a área de servizos básicos nos que se recollen novas actuacións e investimentos en rede de sumidoiros e abastecemento. Tamén se recolle o novo contrato de limpeza viaria con ampliación de zonas e frecuencias e coa posta en marcha do punto limpo móbil. Ademais, inclúese novas licitacións dos contratos de xardinería e para o mantemento de parques e xardíns, así como a continuidade do plan de mantemento do rural e o remate das actuacións de cambio de luminarias a led en todo o rural. Esta área contará cun crédito total de 6.335.568,54 euros mantendo a mesma porcentaxe de representación que no Orzamento 2021, porcentaxe que representa un 22,07% do total do orzamento e continúa sendo a primeira área en importancia.

Ademais, continuase a reforzar e blindar os servizos da área de Educación. Nos dous últimos anos debido á pandemia da covid e á adecuación aos protocolos, houbo un notable incremento no gasto desta área. Deste xeito, refórzase e amplíanse os servizos de conciliación e porase en marcha a licitación do contrato de mantemento de centros educativos entre outras actuacións. Esta área contará cun crédito total asignado de 5.242.367,79 euros, no que tamén se mantén a mesma porcentaxe de representación que no exercicio pasado 2021, porcentaxe que representa un 18,26% do total do orzamento e segue a ser a segunda área en importancia.

Os servizos sociais e de promoción social son a terceira área en importancia do orzamento cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros, incrementando respecto do 2021 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento e acadando preto do 9% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área co reforzo na contratación de persoal para a tramitación da Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo e ampliación de horas, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, a apertura dun novo local para maiores en Bertamiráns, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como o reforzo do novo servizo de atención temperá etc.

Capítulo I de Persoal
Por outra banda, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I, de Persoal, a cifra de 9.868.919,26 representando o 34,38% do orzamento municipal,  incrementando a cifra en 537.349,36 (5,76%) respecto do anterior presuposto. Deste xeito, recóllese o incremento do 3% da suba salarial prevista na Lei de Orzamentos xerais do Estado para o 2022.

Dentro o Capitulo I refórzase a contratación en áreas básicas como son a área Económica, coa contratación dun adxunto/a de intervención; a área de Contratación, coa contratación dunha arquitecta técnica, unha técnica de contratación e unha auxiliar de contratación para o desenvolvemento do programa Ames Progresa; e a contratación na área de Servizos Socias de dous/dúas auxiliares administrativos e dous/dúas asistentes sociais, para o reforzo do servizo e tramitación das axudas sociais; así como a contratación temporal dun axente local de innovación dentro da área de Promoción Económica, e dous capataces e tres peóns para o departamento de Medio Ambiente.

Incrementa a partida recollida para as adecuacións retributivas singulares que pasa de 30.000 a 60.000 euros, trala negociación do Capítulo I cos representantes dos traballadores/as na negociación coa Mesa Xeral de Negociación. Tamén se incrementa en 145.000 euros dentro do Capítulo I o crédito asignado a horas extras e gratificacións.  

Capitulo VI de investimentos públicos
No capítulo de investimentos públicos cóntase cun crédito inicial de 3.852.346,09 euros, que representa un 13,42% do orzamento municipal. Este crédito inicial de investimentos reais verase incrementado coas incorporacións de remanentes de crédito das actuacións e investimentos que están pendentes de executar da EDUSI Impulsa Ames e do plan Ames Progresa e que acadan preto de 8.000.000 euros en total. Estas incorporacións farán que os créditos de investimentos reais superen a contía consignada no orzamento anterior e se sitúen por riba dos 6.000.000 euros.
 
Segundo explica a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, “o capítulo de investimentos vai aumentar respecto do ano anterior debido á incorporación de remanentes do exercicio 2021. O Concello de Ames está a facer un grande esforzo inversor co aforro do remanente de tesourería desenvolvendo as actuacións e investimentos programados no plan Ames Progresa, dotado con 5.750.000 euros. Nos ano 2022 e 2023 vai ser cando se van a executar a maior parte dos investimentos da EDUSI, fondos IDAE e do plan Ames Progresa”.

Genma Otero tamén explica que “este orzamento é o primeiro destes tres últimos anos que non recolle crédito para investimentos da EDUSI, tan só 136.000 euros para a renovación de luminarias de Bertamiráns fronte ao 1.580.000 euros que se recollían de capítulo 6 no 2021. Así mesmo este ano 2022 tan só se recolle o crédito de 425.000 euros para a actuación de cambio de luminarias do rural financiado polo IDAE con fondos europeos fronte ao 1.157.000 euros que se recollía no orzamento do 2021. De aí a diferencia de 2.200.000 euros de contía do crédito inicial do capítulo 6 deste orzamento municipal respecto do crédito inicial consignado para o orzamento do 2021”.

Dentro do capítulo de investimentos recóllense as obras aprobadas recentemente no POS +2022  e obras do POS adicional 2/2021, que ascenden a un total de 1.562.781,06 euros e que inclúen obras das áreas de vías públicas, deportes, estradas e camiños veciñais, alumeado público en Bertamiráns (EDUSI Impulsa Ames) con 136.000 euros; cambio de alumeado a led no rural (fondos IDAE) con 425.000 euros; obras ligadas ao Ciclo Integral da Auga (CIA) por importe de 256.000 euros; convenio de colaboración AXI-Concello de Ames, para a cesión da avenida da Peregrina con 82.000 euros; proxecto de separación e reciclaxe en orixe de bioresiduos con 81.700 euros; e outros investimentos en reformas e acondicionamento de instalacións, modificacións de PXOM, etc.

Capítulo II de servizos
Por último, o Capítulo II de servizos acada os 13.460.000 euros, representando un 46,92% do total do orzamento municipal, incrementando en 626.000 (4,88%) respecto do orzamento 2021. Neste capítulo recóllese un importante reforzo, mellora e ampliación do gasto corrente en bens e servizos municipais.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames tendrá un presupuesto de 28,5 millones, más reducido que el año pasado al no incluir los fondos europeos"

El Correo Gallego: "Servizos básicos e sociais suman o 40 % do gasto no orzamento 2022"

Enfoques: "El Concello de Ames contará con un presupuesto de 28,5 millones de euros"

Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2022

Multimedia

  • Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2022
  • Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2022
  • Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2022