Solapas principales

Adxudícanse as obras de mellora da accesibilidade na conexión entre a rúa do Rego e a travesía do Porto, no Milladoiro, por 100.000 euros

Sábado, 05 de marzo de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de mellora da accesibilidade na conexión entre a rúa do Rego e a travesía do Porto, no Milladoiro, incluído dentro do plan POS 2021 da Deputación da Coruña. As obras, que foron adxudicadas á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL  por un importe de 99.934,83 euros, realizarase sobre vaos e ramplas, pasos de peóns, beirarrúas, reixas de árbores, sinais de tráfico, sumidoiros e pavimentos. As reformas comezarán ao leste da avenida Rosalía de Castro, que atravesarán ata chegar á altura da Casa da Cultura, habilitando unha ruta accesible para poder atravesar a pé o centro da vila.

As rúas do núcleo de maior poboación de Ames continúan mellorando de cara a unha maior accesibilidade, co obxectivo de que o espazo público poida ser ocupado e utilizado por todas as persoas, independentemente da súa condición e do seu nivel de mobilidade. A Xunta de Goberno Local do pasado xoves, 17 de febreiro, aprobou  a adxudicación deste proxecto, que forma parte do programa da Deputación da Coruña POS 2021. As obras foron adxudicadas á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL  por un importe de 99.934,83 euros.

As obras contribuirán a un tránsito fluído e accesible polo centro do Milladoiro, xa que afectan a boa parte do casco urbano e conectan ambos lados da vía principal, a avenida Rosalía de Castro. O proxecto comezará na rúa do Rego, á altura da rúa Panasqueira, e seguirá pola rúa Figueiras e os seus espazos interiores. As reformas continuarán pola rúa Costa Grande e chegarán á avenida Rosalía de Castro, dende onde cruzarán en dirección oeste, realizando melloras nas rúas Agro do Medio, Agro da Madalena e as súas vías interiores. O percorrido de melloras seguirá pola rúa dos Cereixos ata rematar na travesía do Porto, á chegada ao centro sociocultural desta localidade.

As múltiples actuacións nestas rúas realizaranse sobre diferentes partes do mobiliario urbano, así como nas vías para vehículos e peóns. En primeiro lugar, adaptaranse e reconstruiranse os vaos e ramplas existentes que non cumpran coas normativas de accesibilidade, eliminaranse os mal definidos e colocaranse outros en novos puntos. Cos cambios nas ramplas modificaranse tamén os pasos de peóns, con novos pintados e ubicacións.

Haberá tamén modificacións nas beirarrúas, que nalgúns puntos precisarán dunha anchura máis ampla para seren accesibles e acoller as novas ramplas para peóns. As zonas con pavimento fracturado ou con desniveis serán reformadas. Asemade, mudarán varias reixas de árbores que están fóra da normativa, cambiando de lugar e replantando parte do arborado. Ademais, haberá novas papeleiras en certos puntos do percorrido.

Parte do mobiliario urbano e viario tamén experimentará cambios. Evitarase que as sinais de tráfico ou de información ocupen o espazo das ramplas e vaos, e colocaranse novas indicacións de proximidade de pasos de peóns. Por último, instalaranse novos sumidoiros e reixas de recollida de pluviais, e desprazaranse outros que dificulten o paso por cruces peonís.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “o Goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo da planificación iniciada no mandato anterior coa que se realizaron varias obras. Agora pretendese crear unha ruta accesible dende a rúa do Rego ata a travesía do Porto, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Adjudicada por cien mil euros la obra de accesibilidad entre la rúa do Rego y Travesía do Porto"

Imaxe da rúa Figueiras, no Milladoiro

Multimedia

  • O Milladoiro terá unha ruta accesible para cruzar a pé o centro da vila, con cambios no espazo peonil e viario