Solapas principales

O Concello de Ames realízalle unha recepción a Iago Pico, produtor de Tanxugueiras e fundador de Pouland Studios

Lunes, 07 de marzo de 2022

O alcalde de Ames, Blas García, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do Grupo de goberno e da Corporación municipal realizáronlle unha recepción ao veciño amesán, Iago Pico, que é produtor das Tanxugueiras e fundador de Pouland Studios, situado na aldea de Pousada, na parroquia de Ames. Dita recepción foi debido ao recente éxito que tivo Iago Pico xunto ao grupo Tanxugueiras no Benidorm Fest e tamén polo traballo que realiza dende o ano 2006 no estudio de gravación Pouland Studios, onde teñen gravado algúns dos grupos máis destacados da música galega.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu unha recepción de recoñecemento a Iago Pico, produtor musical e enxeñeiro de son, que recentemente participou coas Tanxugueiras no  Benidorm Fest. Iago Pico é parte fundamental do éxito do trío galego Tanxugueiras, que está composto por Sabela e Olaia Maneiro e Aida Tarrío). Concretamente é o seu  produtor musical e coautor dalgúns temas. Ademais, no ano 2006, con 20 anos de idade, fundou Pouland Studios, que se atopa situado na aldea de Pousada, na parroquia de Ames.

Iago Pico estivo conversando co alcalde de Ames, Blas García; co concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil; coa concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; co concelleiro de Ames Novo; Quique Costas, e coa concelleira e mailo concelleiro do Partido Popular de Ames, Oliva Agra e Pablo Beiroa.

O produtor amesán contoulles aos membros da Corporación municipal a experiencia vivida no Benidorm Fest xunto ás Tanxugueiras. Tamén falaron da traxectoria e do traballo realizado nos últimos anos en Pouland Studios. O alcalde entregoulle a Iago Pico uns agasallos en nome do Concello de Ames (un libro con fotografías de Ames e mailos libros escritos polo cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, e pola poeta de Ames, Filomena Fraga).

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o traballo realizado por Iago Pico, non só coas Tanxugueiras senón con outros moitos grupos de Galicia o que permitiron que Pouland Studios xa sexa unha referencia na gravación de moitos estilos de música, que van dende o rock ata a música tradicional. Isto demostra que Ames ten un forte tecido empresarial no sector audiovisual, tanto en produtoras audiovisuais como estudos de son como o que xestiona Iago Pico”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames fai unha recepción ao produtor das Tanxugueiras"

AMSGO!: "Recibimento no concello ao produtor das Tanxugueiras, Iago Pico"

Enfoques: "Ames realiza una recepción a Iago Pico, produtor de Tanxugueiras y fundador de Pouland Studios"

Imaxe da recepción a Iago Pico

Multimedia

  • Imaxe da recepción a Iago Pico
  • Imaxe da recepción a Iago Pico
  • Imaxe da recepción a Iago Pico