Solapas principales

O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo

Lunes, 07 de marzo de 2022

Tras un ano de parón por mor da pandemia, Ames volve acoller a segunda etapa do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2022 este domingo 13 de marzo. Será a sexta ocasión na que o concello celebre esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta mañá foi presentada a proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 9, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

O circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa un ano máis por Ames, na que é xa a sexta cita consecutiva no concello sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica. A proba, que terá lugar este domingo 13 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2022. A primeira etapa tivo lugar o pasado 27 de febreiro en Cerdedo-Cotobade, mentres que as tres seguintes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda.

Esta mañá o Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación do evento, que percorre o concello cun circuíto de 33 quilómetros ao que os ciclistas terán que dar dúas voltas. Ao acto asistiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; Jorge Pérez, do club ciclista Os Esfola Arrós; Javier Sánchez, da empresa organizadora Team Relay, e o técnico de Deportes, Alberto Viaño.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11:00 e a segunda sobre as 12:30 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 13:30 horas.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, celebrou a volta deste evento deportivo, o último en desenvolverse en 2020 antes do comezo do confinamento por mor do coronavirus. “Volver a celebrar esta proba é unha esperanza e unha sinal de que parece que todo volve a rodar. Xa imos polas 300 persoas inscritas, a proba ten unha gran aceptación e nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que fagan”.

No mesmo senso se pronunciou Jorge Pérez, do club ciclista amesán Os Esfola Arrós, que cualificou á Transgalaica como “un dos referentes do ciclismo de montaña no noroeste español, e así o avalan as dezaseis edicións que levan organizando”. Ademais, recordou o valor deste tipo de probas á hora de dar a coñecer o concello. “Esperamos e contamos con que a xente, a parte de vir facer a proba, veña a facer o percorrido máis veces e que coñeza e dea a coñecer Ames”.

Por último, Javier Sánchez, da empresa organizadora Team Relay, aproveitou para agradecer a colaboración continuada co Concello. “Estamos encantados de volver a estar nunha proba en Ames, sabedes que mentres queirades estar presentes na Transgalaica ides ter un sitio asegurado”.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana

Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico, debido a que servirá como punto de saída e meta. Por unha banda, dende o sábado 12 ás 23:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na rúa. Ademais, o tráfico quedará cortado ata o cruce coa vía que vai cara a Casas do Monte (Covas), dende as 7:30 ata as 15:00 horas do domingo 13 de marzo.

Participación e inscricións

Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2022, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 9, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 18 euros, mentres que as non federadas deberan abonar 28 euros (18 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).

Orde de saída e clasificacións

A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores establecerase unha clasificación por categorías para a cal puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.

Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina (júnior, S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Todas as persoas participantes recibirán un pequeno obsequio conmemorativo pola súa asistencia.

Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2022 pódese premer nesta ligazón.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Transgalaica, o circuíto de ciclismo, volve este domingo"

AMSGO!: "Sexta Transgalaica o domingo 13 en Ames"

O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo

Multimedia

  • O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo
  • O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo
  • O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo
  • O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo
  • O circuíto Transgalaica 2022 volve a Ames por sexto ano este domingo 13 de marzo