Solapas principales

O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro

Martes, 05 de abril de 2022

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu esta mañá un pequeno acto de homenaxe a Juan José Duro Barrán, que no pasado mes de marzo evitou un intento de atraco no parque infantil da Estivada, no Milladoiro, recibindo no proceso catro feridas leves con arma branca. Á homenaxe acudiron as familias do homenaxeado e da muller que sufriu o asalto, así como varios integrantes do Goberno local e da Corporación municipal. No acto, o Concello fíxolle entrega dunha placa conmemorativa a Duro Barrán, que recibiu tamén o agradecemento da familia da muller á que prestou axuda.

O Concello de Ames celebrou esta mañá unha pequena homenaxe a Juan José Duro Barrán, un home que o pasado 16 de marzo evitou un atraco no parque infantil da Estivada, no Milladoiro. Duro Barrán prestou axuda a Lourdes Gelpe, unha muller que se atopaba no parque coa súa neta e que foi asaltada, recibindo ameazas cunha arma branca. Ao escoitar os gritos da muller, Duro Barrán achegouse e interviu no altercado, evitando o roubo e facendo que o presunto autor dos feitos fuxira. No proceso, o home recibiu catro cortes con arma branca na cara e no costado."

Dende a Corporación queremos poñer en valor o acto que fixo Juan, nun momento difícil que require de moita valentía e de moita coraxe, para enfrontarse a alguén cunha navalla ou con algo que poida poñer en risco a súa vida”, sinalou o alcalde de Ames, Blas García, que fixo entrega dunha placa conmemorativa a Duro Barrán, acompañado da muller que sufriu o asalto, Lourdes Gelpe. “Queremos que sirva de exemplo para que actuemos cando alguén de nós se vexa nunha situación similar”, engadiu García.

Aos dous protagonistas acompañáronnos no acto varios achegados e familiares. Neste senso, a familia da muller que foi asaltada tivo un detalle co home que a axudou, entregándolle unha carta escrita polas fillas de Lourdes e pola súa neta, na que agradecían a súa valentía e o seu xesto cara a unha persoa que non coñecía.

Ademais do alcalde, en representación do Goberno local, asistiron á homenaxe a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín. Ademais, como parte da Corporación municipal, acudiron Oliva Agra e Pablo Beiroa, do Partido Popular, e Quique Costas, de Ames Novo. Asemade, acudiron representantes da Policía Local de Ames e da Garda Civil.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Escoitei socorro, e que vas pensar máis que axudar á muller e á nena», así recuerda el vecino de Ames el atraco que evitó"

El Correo Gallego: "Homenaje al héroe que recibió cuchilladas por evitar el atraco a una vecina de O Milladoiro"

Ames Go: "Ames homenaxea ao veciño que evitou un atraco no Milladoiro"

Enfoques: "El Concello de Ames homenajea a Juan José Duro, que evitó un atraco"

O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro

Multimedia

  • O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro
  • O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro
  • O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro
  • O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro