Solapas principales

> Xantar solidario de Ames

Sábado, 23 abril, 2022

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde suma unha nova actividade á programación do Mes da Saúde. Neste caso vaise organizar un Xantar solidario o sábado, 23 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar nesta iniciativa solidaria haberá que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo amesjornadasaludmental@gmail.com. Haberá 100 prazas para participar no Xantar solidario, que terá un prezo de 15 euros. Terán prioridade para inscribirse os participantes na xornada de saúde mental e os integrantes das asociacións que participan na Feira. O importe recadado será doado á Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Nesta iniciativa colaboran o CIFP Compostela, o restaurante A Ostrería, e mailas cafeterías das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Servirase un xantar de pé para que as persoas que participen na Xornada de saúde mental e na Feira da Saúde e Ben-Estar poidan falar e intercambiar experiencias. O menú estará composto por maki de lacón con grelos; empanada galega; chupito de crema de cabaza o curry con pipas; tosta de espelta con aguacate e salmón; espeto de porco e piña á soia; polo con tomatiños e albahaca; polvo á mugardesa; escalibada con ventresca; e surtido de queixos galegos. Será un menú saudable no que se van empregar produtos locais e de proximidade. Unha parte do menú vai ser previamente elaborado na cociña da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e outra parte do menú será elaborado o propio día do xantar na cociña da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns.