- Tematica
Peter Punk e Brais das Hortas pechan o abril do Apego de Ames cun concerto punk infantil, no que dous cantantes de xéneros tan aparentemente distantes como a música infantil e o “punk” comparten escenario e crean un espectáculo musical e de “clown” divertido e participativo. Será o xoves 28 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As inscricións para o concerto, de balde e dirixido ao público infantil e familiar, poderán realizarse dende hoxe ata ao 27 de abril, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.
Que hai máis “punk” que unha nena? Esa é a pregunta que se fan Peter Punk e Brais das Hortas para vencellar este xénero musical co mundo infantil e o desenvolvemento persoal das crianzas. Ir a contracorrente, protestar, atopar a personalidade propia, pensar por unha mesma. Todas estas actitudes conflúen neste espectáculo de música en vivo, onde a música infantil, o “punk” e o “clown” suman para entreter e facer reflexionar sobre as inquedanzas da cativada.
A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o mércores 27 de abril. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.
O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.