Solapas principales

O Apego de Ames lévanos de viaxe á Ribeira Sacra

Miércoles, 27 de abril de 2022

O programa Apego de Ames propón, para comezar o mes de maio, unha viaxe para pasar unha xornada no eco-espazo de Carballolandia, á beira do río Miño na Ribeira Sacra. Será o sábado, 7 de maio, con saída e regreso en autobús desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A saída será ás 9:30 horas e o regreso ás 21:00 horas, aproximadamente. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse dende hoxe ata o 4 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Carballolandia é un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. O recinto está formado por un amplo espazo natural, ideal para que grupos e familias gocen do entorno e das diferentes actividades ao aire libre. A excursión incluirá tamén unha visita ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, unha combinación de etnografía, historia e natureza. Nestes espazos, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e das historias de seres mitolóxicos galegos nun espazo pensado para o divertimento, o lecer e a convivencia.

As familias inscritas sairán en autobús ás 9:30 horas, desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e estarán de volta sobre as 21:00 horas, aproximadamente. O xantar e a merenda farase no campo, polo que cada familia ou grupo deberá levar a súa propia comida e bebida.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o mércores 4 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego do primeiro semestre de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

O Apego de Ames lévanos de viaxe á Ribeira Sacra

Multimedia

  • O Apego de Ames lévanos de viaxe á Ribeira Sacra