Solapas principales

As bibliotecas amesás acollen este mércores e xoves dúas presentacións de libros para abrir o mes das letras

Miércoles, 04 de mayo de 2022

O departamento de Bibliotecas de Ames organiza neste mes de maio, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, tres presentacións de libros na nosa lingua. As dúas primeiras terán lugar hoxe, mércores 4, e mañá, xoves 5, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 20:00 horas. A primeira delas será “As casualidades necesarias”, da escritora cambadesa Amelia Xesteira da Cova, falecida recentemente. O seu amigo e escritor Daniel Pino presentará hoxe a terceira edición desta novela, que inclúe un limiar seu coma homenaxe. Por outra banda, mañá xoves o escritor Henrique Monteagudo presentará o seu ensaio “O idioma galego baixo o franquismo”, unha aproximación á política lingüística represiva da ditadura franquista. As presentacións terán aforo libre ata completar aforo.

As bibliotecas de Ames arrincan esta semana as súas actividades para o público adulto do mes das letras, con dúas presentacións de libros en galego que serven como continuación dos encontros literarios organizados ao longo da primeira parte de ano. En total, ao longo de maio tres propostas deste tipo pasarán polo Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Serán “As casualidades necesarias”, de Amelia Xesteira Cova, hoxe mércores 4; “O idioma galego baixo o franquismo”, de Henrique Monteagudo, mañá xoves 5, e “O sal dos días”, de Rafa Vilar, o xoves 19.

“As casualidades necesarias”, hoxe mércores 4

A primeira presentación do mes de maio terá lugar hoxe mércores 4 e terá como protagonista a novela “As casualidades necesarias”, da escritora cambadesa Amelia Xesteira da Cova, falecida recentemente. O seu amigo e escritor Daniel Pino presentará a terceira edición desta obra, que inclúe tanto un limiar do propio Pino como un novo epílogo de Xesteira da Cova, que serven coma homenaxe á escritora. No acto estará acompañado de Luís Cochón, profesor, investigador e crítico literario, do xornalista Perfecto Conde, e da concelleira de Cultura, Natividade González.

Daniel Pino (Tomiño, 1943) é un sociólogo, urbanista e escritor galego. Licenciado en Ciencias Políticas e Económicas, o seu traballo como urbanista levouno a gañar o Premio Nacional de Urbanismo, o Galicia de Deseño Urbanístico ou o Premio Europeo de Urbanismo e Ordenación Territorial. Como autor literario, ten escrito e colaborado en numerosos libros, artigos, informes técnicos e traballos de investigación no seu campo, reservando tempo tamén para a produción literaria.

“O idioma galego baixo o franquismo”, mañá xoves 5

Por outra banda, mañá xoves 5 presentarase o ensaio “O idioma galego baixo o franquismo”, do escritor Henrique Monteagudo. Publicado pola editorial Galaxia, o traballo ofrece unha aproximación ás políticas lingüísticas da ditadura franquista, poñendo o foco na resistencia política e cultural galeguista á hora de situar á lingua galega como un elemento definidor do noso sistema cultural e da nosa identidade como pobo. No acto, o escritor contará coa presenza de Ramón Lorenzo, membro da RAG e Catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, e de María López Sández, investigadora, escritora e docente, e da concelleira de Cultura, Natividade González.

Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é un escritor e sociolingüista galego, doutor en Filoloxía Galega e docente na Universidade de Santiago de Compostela.  O seu traballo desenvólvese principalmente nos eidos da filoloxía medieval, a edición de textos literarios e os estudos sociolinguísticos e de historia do idioma galego. Dende o 2010 é membro da Real Academia Galega, e na actualidade é codirector da revista Grial e secretario do Consello da Cultura Galega.

As bibliotecas amesás acollen este mércores e xoves dúas presentacións de libros para abrir o mes das letras

Multimedia

  • As bibliotecas amesás acollen este mércores e xoves dúas presentacións de libros para abrir o mes das letras
  • As bibliotecas amesás acollen este mércores e xoves dúas presentacións de libros para abrir o mes das letras