Solapas principales

A exposición Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña chega o 6 de maio a Ames

Jueves, 05 de mayo de 2022

A mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, chega ao concello de Ames o día 6 de maio, onde poderá visitarse durante dúas semanas na Travesía do Porto. A cidadanía poderá achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o día 10 de maio. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, o deputado Antonio Leira acudirá ao acto de inauguración da exposición que se realizará na Travesía do Porto. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente do Concello de Ames encargouse de xestionar esta actividade coa Deputación da Coruña. A exposición dá a coñecer os obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos. O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

A mostra estará acompañada dunha performance artística con malabares, acrobacias e equilibrios que servirá de introdución á temática da exposición e que se celebrará na xunto á mostra o día 10 de maio ás 12.30 horas. Os paneis da exposición poderán verse na localidade ata o 20 de maio. Precisamente, o martes 10 de maio, ás 12.30 horas, farase a inauguración da mostra á que acudirá o deputado, Antonio Leira, e membros do Goberno municipal de Ames.
      
Experiencia interactiva
Nos paneis que compoñen a mostra hai tamén códigos QR que permiten ampliar a experiencia e levala a unha dimensión interactiva. Así, poderase atopar a Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se atopan vídeos realizados polo alumnado de oito centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña.

Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través desta ligazón.

A mostra está realizada con materiais reciclados e reutilizables. Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Paneis sobre o Pacto Verde Europeo con performance dende Milladoiro"

AMSGO!: "A exposición Pacto Verde Europeo chega a Ames"

Cartel da exposición sobre o Pacto Verde Europeo