Solapas principales

O documental sobre Luz Fandiño “A poeta analfabeta” chega a Ames co Ciclo Mestre Mateo, este mércores 18

Lunes, 09 de mayo de 2022

A Concellaría de Cultura prepara a nova proxección do Ciclo Mestre Mateo de maio, a película nominada na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “A poeta analfabeta”.  O filme mostrará ao público a vida de Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria, nunha viaxe polo seu legado. Será o próximo mércores 18 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“A poeta analfabeta” é o retrato dunha muller icónica e inspiradora, testemuña das realidades máis duras do século XX que afectaron a boa parte das galegas e galegos. A pobreza, a emigración, a represión identitaria e ideolóxica, o machismo. Todos estes obstáculos forman parte de Luz Fandiño e da súa historia persoal, do seu legado como muller emigrante, pobre, roxa, mais tamén como poeta, como activista e como referente para moitos e moitas.

Rodada cando Fandiño tiña 88 anos, a película serve como repaso a unha longa vida de historias e loitas coas que a poeta forxou e reafirmou a súa personalidade. Deste xeito, o documental narrará a vida como emigrante da santiaguesa na Arxentina ou Francia, a súa volta a Galicia e o seu extenso traballo de creación literaria e divulgación, reivindicando o feminismo, a lingua galega e creando memoria colectiva sobre a emigración galega e a represión política.

O filme, unha produción de Cósmica Producións, está dirixido por Sonia Méndez e producido por Nati Juncal, e foi rodado entre o verán de 2019 e os primeiros meses de 2020, xusto ao comezo da pandemia da Covid-19. O proxecto foi estreado en primicia na 34º edición do festival de cinema Cineuropa o xoves 12 de novembro de 2020.

Ciclo Mestre Mateo

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, é un dos cinco municipios da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

Para máis información sobre o Ciclo Mestre Mateo, pódese consultar a súa páxina web premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Proxectan un documental sobre a poeta Luz Fandiño"

O documental sobre Luz Fandiño “A poeta analfabeta” chega a Ames co Ciclo Mestre Mateo, este mércores 18

Multimedia

  • O documental sobre Luz Fandiño “A poeta analfabeta” chega a Ames co Ciclo Mestre Mateo, este mércores 18
  • O documental sobre Luz Fandiño “A poeta analfabeta” chega a Ames co Ciclo Mestre Mateo, este mércores 18