Solapas principales

Entradas esgotadas en Bertamiráns para o espectáculo de Luís Zahera, “Chungo”, este venres 13 de maio

Miércoles, 11 de mayo de 2022

O actor Luís Zahera presenta este venres 13 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns o seu espectáculo “Chungo”, un monólogo no que repasa a súa traxectoria profesional en chave humorística, explicando como foi crecendo a súa imaxe de “malo” de película. As entradas para o evento, que terá lugar ás 21:00 horas, xa están esgotadas.

A traxectoria do actor compostelán Luís Zahera é ampla e está marcada por unha serie de papeis e personaxes que lle poderían abrir un oco en calquera produción galega ou española que precise dun antagonista, dun “malo”, dun “chungo”. Os exemplos podemos atopalos na televisión, con Pertur de “Sin tetas no hay paraíso”, ou como Ferro en “Vivir sin permiso”, e tamén no cine, en “Celda 211” ou en “El Reino” de Rodrigo Sorogoyen, onde a súa interpretación dun político corrupto ao carón de Antonio de la Torre valeulle un Premio Goya ao mellor actor de reparto no 2019.

Mais nesta ocasión, Zahera presentará á veciñanza amesá a súa faceta de humorista, co seu monólogo “Chungo”. Nel contará ao público como se foi consolidando o seu rol artístico como “malo” de película, ademais de como o marcaron algúns dos papeis máis importantes da súa carreira, como o de Petróleo na serie galega “Mareas vivas”.

Deste xeito, o público poderá coñecer unha parte diferente da personalidade do actor e algunhas das súas anécdotas profesionais e persoais, dende os seus primeiros pasos como aspirante a galán de cinema ata a actualidade, na que protagoniza roles no propio cine, na televisión ou no teatro. As entradas para o evento, que terá lugar este venres 13 de maio ás 21:00 horas, xa están esgotadas.

Neste senso, a Concellaría de Cultura, ademais de elaborar unha programación de actividades propia, tamén permite o uso das instalacións do concello a todas aquelas persoas que desexen presentar as súas obras, espectáculos ou exposicións. Os espazos que se poden solicitar son as Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro, o Pazo da Peregrina, ou ben os locais sociais situados nas diferentes parroquias do municipio.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Luis Zahera presenta este viernes en Bertamiráns su espectáculo ‘Chungo’"

Entradas esgotadas en Bertamiráns para o espectáculo de Luís Zahera, “Chungo”, este venres 13 de maio

Multimedia

  • Entradas esgotadas en Bertamiráns para o espectáculo de Luís Zahera, “Chungo”, este venres 13 de maio