Solapas principales

Ames conmemora o Día das Letras Galegas cun acto literario e musical no Milladoiro

Jueves, 12 de mayo de 2022

O Concello de Ames celebra o Mes das Letras Galegas, que nesta edición están dedicadas ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. O acto central, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística, realizarase este venres, 13 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. Será un acto literario e musical que estará conducido por Marián Bañobre de Ibuprofeno Teatro. O evento comezará ás 20:00 horas, e incluirá as actuacións musicais do grupo que participou no Obradoiro de Acollemento Lingüístico, En galego co teu Acento!, impartido en Bertamiráns, e dos grupos de guitarra e linguaxe musical da EMMA. Tamén se entregarán os premios do XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Preme aquí para consultar ao completo a programación do mes das letras en Ames.

Dende o ano 1963 no mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas, unha cita importante para literatura galega, a través da que se pretende homenaxear ás figuras máis destacadas do panorama literario galego. O Concello de Ames únese un ano máis á celebración desta efeméride cunha serie de iniciativas que non só buscan homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, a figura central do Día das Letras Galegas 2022, senón tamén contribuír á posta en valor da literatura e da lingua galega.

O acto central será unha gala literaria musical, que terá lugar este venres, 13 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, que será presentada pola actriz e presentadora, Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro. O acto comezará cunha actuación das persoas integrantes do Obradoiro de Acollemento Lingüístico. En galego co teu acento!, impartido en Bertamiráns, do 14 de marzo ata o 13 de abril. Aylín Barreto, Óscar García (Monti) e José Antonio Lago, cantarán acompañadas coa guitarra, a adaptación do poema Galicia Infinda de Florencio Delgado.

De seguido, farase a entrega dos premios do XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Nesta edición presentáronse 153 traballos. Os 18 traballos gañadores proceden de once concellos, espallados por toda: Ames, Carballo, A Coruña, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, no concello amesán quedan tres galardóns, entre eles os primeiros premios na 1º e 3º categoría de narrativa, así como o segundo posto na 2º categoría de poesía.

Trala entrega de premios, será a quenda do alumnado de guitarra e linguaxe musical da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), dirixidos por Antonio Bravo e Ana Blanco. O obxectivo desta gala é, como en anos anteriores, darlle visibilidade á vitalidade e á calidade da creación literaria na nosa lingua e homenaxear a todos os creadores e creadoras, en especial ás persoas gañadoras nas dúas convocatorias literarias amesáns e ao autor escollido pola Real Academia Galega. Porén, esta non é a única actividade coa que o Concello festexa as letras.

Programación do mes das letras en Ames
As Concellarías de Normalización Lingüística e Cultura, a través dos departamentos de Bibliotecas, Cultura, Normalización Lingüística e a Escola Municipal de Música, elaboraron unha programación de actividades na que a literatura, a música e o teatro son os protagonistas.

Deste xeito, durante este mes de maio continúan as propostas de animación á lectura para público infantil das bibliotecas de Ames. As sesións de contacontos que comezaron na biblioteca do Milladoiro, impartiranse nos días 18, 19 e 20, ás 17:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns, coas sesións de contacontos Vexo-vexo, que ves?. As inscricións para a biblioteca de Bertamiráns pechan o sábado 14 de maio, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Ademais, para a rapazada de 3º a 6º de primaria organízase un obradoiro de imprenta, no que se elaborará un “fanzine” sobre o escritor homenaxeado en 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Os talleres terán lugar no Milladoiro o venres 20 de maio, ás 17:30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión será o sábado 21, ás 11:30 horas. Ata o 18 de maio poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, para o caso da biblioteca de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Foliada con Apego
No que respecta ao programa Apego de Ames, este aportará á programación do mes unha nova edición da súa foliada, unha actividade chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e pasalo ben. Será o venres 20 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas, onde as persoas asistentes poderán gozar da actuación de “Café Dorothé”, de Sonsoles Penadique e Virxilio da Silva. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse do 12 ao 19 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Dous encontros musicais para pechar o mes
Por último, durante o mes das letras tamén haberá lugar para a música, con dous encontros na penúltima semana de maio. O venres 20 de maio a EMMA organiza un encontro coas escolas de música de Negreira e Brión na praza de Chavián, en Bertamiráns. Ao día seguinte, o sábado 21 ás 20:00 horas, celebrarase tamén en Bertamiráns, na Casa da Cultura, un concerto–encontro das agrupacións de música e baile tradicional de Ames, no que participan as asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, Maianas e Retranqueiros. Os convites estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Venres 13 de música, premios e tributo a Delgado Gurriarán nas Letras Galegas"

Enfoques: "Ames conmemora el Día das Letras Galegas con un acto literario y musical en el Milladoiro"

Cartaz do acto do Día das Letras Galegas

Multimedia

  • Cartaz do acto do Día das Letras Galegas
  • Programación do Mes das Letras Galegas en Ames