- Tematica
Entre os días 14 e 17 de abril celebrouse na vila de Torrelavega, en Cantabria, a segunda edición da Copa de España de karate por estilos, un evento de carácter internacional no que escolas e deportistas mostran os diferentes estilos de kata que se practican en España. Na competición, organizada pola Real Federación Española de Karate, o veciño do Milladoiro e conserxe do pavillón da propia vila, David Ángel Díaz Ferreiro, rematou en segunda posición na categoría de veteranos do estilo renbu-kai.
David Ángel Díaz Ferreiro, conserxe do pavillón do Milladoiro e veciño da vila amesá, participou o pasado mes de abril na segunda Copa de España de karate por estilos, competindo co seu club, o Avalon Kai, de Santiago. Neste evento, os karatekas e os clubs participan non só divididos en categorías de idade, senón que se reparten segundo o estilo de kata que practiquen. Deste xeito, buscase dar visibilidade ao deporte formativo e a todas as formas de karate que se dan en España.
Neste senso, Díaz Ferreiro competiu baixo o estilo renbu-kai, un dos oito estilos que entraron en competición nesta segunda edición da copa. Cada estilo ten as súas características técnicas propias e a súa propia orixe, e normalmente se consolidan ao longo do tempo segundo as interpretacións da arte marcial que fixeron mestres e escolas.
Na categoría de idade de veteranos, o karateka do Milladoiro rematou finalmente segundo, nunha proba que gañou Serafín Pedrouso. Acompañáronnos no podio coas dúas medallas de bronce restantes Javier Reyes Rodríguez e David Saavedra.