Solapas principales

O Concello de Ames recoñeceu ao ex alcalde José Miñones e ao ex concelleiro Ramón García Argibay coas medallas do Concello

Miércoles, 01 de junio de 2022

O Concello de Ames recoñeceu na tarde de onte, martes 31 de maio, o labor do ex alcalde José Miñones e do ex concelleiro Ramón García Argibay, nun acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Ao evento acudiron os homenaxeados, integrantes da Corporación municipal, as catro medallas do Concello de Ames, representantes do persoal do Concello e familiares, que presenciaron a entrega das medallas do Concello a Miñones e Argibay.

Ames conta dende onte con dúas novas medallas do Concello, despois de que o ex alcalde José Miñones e o ex concelleiro Ramón García Argibay recibisen este recoñecemento polo seu labor como integrantes da Corporación municipal. Ao acto asistiron as dúas persoas homenaxeadas e a Corporación municipal ao completo, acompañados do ex alcalde de Ames, José Astray; as catro medallas do Concello de Ames, Filomena Fraga, Maximino Viaño, Ramón Lorenzo e Ángel Carracedo; Juan Crespo, presidente da Protección Civil de Ames; Maximino García, da Policía Local de Ames; Juan Lemos, presidente da Xunta de persoal do Concello de Ames; Rubén Ramos e Maite Arufe, do Comité de empresa do Concello de Ames, e o funcionariado habilitado, así como familiares e achegados dos dous homenaxeados.

O alcalde de Ames, Blas García, abriu o acto de agradecemento celebrando “o traballo realizado de dúas persoas que formaron parte desta Corporación durante moitos anos, e que polo tanto traballaron polas veciñas e veciños deste concello, algo moi importante e que non se valora en ocasións, pero os que estamos na política local temos que poñelo en valor”.

Intervencións dos voceiros e voceiras dos grupos municipais

A intervención do alcalde deu paso aos voceiros dos grupos da Corporación municipal. O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, quixo recoñecer o labor dos homenaxeados “deixando de lado as discrepancias políticas”. “Hai que recoñecer a súa implicación constante e a súa gran dedicación. Deixaron pegada na Corporación e dignificaron a función política”.

Pola súa banda Quique Costas, de Ames Novo, agradeceu o traballo ao longo dos anos na Corporación de Argibay, do que sinalou que “como veciñanza debémoslle un agradecemento fondo ao seu labor e aos seus moitos anos de entrega”, e de Miñones, “alégrome de ver o éxito na túa traxectoria, desexo que teñas moito éxito como Delegado do Goberno”.

A voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, destacou “o tempo e a implicación, o esforzo que conleva a política”, nun “día de ledicia acompañada de compañeiros, amigos, veciños, e traballadoras do concello”, resaltando que “o Concello de Ames será sempre a vosa e a nosa casa, e dende logo a casa de todos e todas”.

Continuou a quenda de intervencións o voceiro do BNG, David Santomil, que agradeceu a dedicación e o traballo dos ex-concelleiros. “Aquí estamos todos e todas de paso para intentar aportar o mellor de cada un de nós, e creo que o proxecto prevalece. Ames é referencia hoxe en día en moitos aspectos”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, quixo “valorar a dúas persoas que deixaron pegada no concello”, persoas “con ideoloxías distintas, con formas de traballar diferentes, pero coa mesma base, que é dedicar o seu tempo aos demais”. “Non existe unha única forma de traballar, e iso é un valor, a diversidade. Quen queira saber o que é a pluralidade, a tolerancia, a solidariedade, quen queira vivir unha sociedade aberta, que mire a Ames”.

Pechou as intervencións dos grupos políticos a voceira do PSdeG, Luisa Feijóo, que destacou a dedicación pola política municipal dos homenaxeados. “Temos aquí diante nosa dúas persoas que a pesar de ter ideoloxías distintas comparten algo digno de admirar. Se agora mesmo a condición de político está denostada, se alguén dignificou a política neste concello foron eles, pola súa capacidade de traballo polas veciñas e veciños”.

Entrega das medallas do Concello de Ames a Ramón García Argibay e José Miñones

Co remate das intervencións, e entre a actuación do músico Marcos Valcárcel, o ex concelleiro e o ex alcalde recibiron as súas respectivas medallas por parte do alcalde de Ames, Blas García. Ramón García Argibay foi o primeiro en recibir o recoñecemento do Concello de Ames. “Non podo mostrar máis que agradecemento, moitas grazas ao alcalde e a todas as persoas que dalgún ou outro xeito están dando un pulo a este concello, todos sodes imprescindibles. Ao Delegado do Goberno, cando foi o seu nomeamento encheunos a todos de ledicia. Ao ex alcalde, José Astray, que para min sempre foi un referente, e a Alfonso Rey, que nos marcou a todos no Partido Popular de Ames. A traxectoria das persoas inflúe sempre na vida municipal, a política máis importante de todas e da que nunca quixen marchar”.

Por último, Argibay destacou o respecto mutuo e a cordialidade ao longo do seu paso pola Corporación municipal. “Neste concello durante moitos anos, fóra das rivalidades políticas sas, sempre se gardou o respecto e a confrontación enriqueceu. O que si que hai neste concello son boas persoas, independentemente de como pense un ou outro. Grazas a todos os membros da Corporación e do Partido Popular, foi un pracer traballar convosco. Pedir desculpas polos erros que cometeramos, foron motivados pola lealdade ao Concello de Ames”.

En segundo lugar, foi o Delegado do Goberno e ex alcalde de Ames, José Miñones, o que recibiu a súa medalla. “Moitísimas grazas a todos os que estades hoxe aquí, en especial as nosas catro medallas do Concello. Foron doce anos e medio onde tiven experiencias de todo tipo, estar como concelleiro, na oposición e como alcalde durante seis anos e medio, a maior honra. Ademais tiven a fortuna de chegar a alcaldía tras pasar pola oposición, algo moi importante para ter esa outra mirada, a de que os doutro lado fan oposición coa máxima dedicación e esforzo, ao igual que as concelleiras e concelleiros do Goberno”.

Para concluír, Miñones insistiu na importancia do “recoñecemento” ao labor dos políticos e políticas municipais. ”Dedicámonos á xente, dedicamos moitas horas, levamos os problemas a casa, durmimos co telefono acendido, e creo que é unha dedicación que merece ser recoñecida. Dar grazas a todo o persoal, nós marchamos pero eles quedan ao fronte para sacar os asuntos adiante, tamén nas discrepancias e nos momentos malos. Agradecer a todos os concelleiros que coñecín ao longo dos doce anos, en especial aos grupos do trigoberno de ambas lexislaturas, fomos quen de poñer Ames por diante, deixando a un lado as siglas, e esa é a fórmula que sigue funcionando”.

Para pechar o acto de agradecemento, o alcalde de Ames, Blas García insistiu en poñer en valor e “dignificar a política”. “Que isto sirva sobre todo para dignificar ás persoas que nos dedicamos á isto, xa sexan os 14 anos e medio de Ramón ou os 12 anos e medio de José no concello, porque non é fácil estar aquí. Calquera persoa que queira ser política debería pasar pola política local, porque é algo totalmente distinto. É onde estas en contacto cos veciños, onde coñeces a sua realidade, onde os tes que atender si ou si, aprender a escoitalos e a darlles solucións. Estou moi orgulloso de ser alcalde de Ames e desta Corporación. Somos un exemplo que debemos exportar, nesta maraña política na que pos a televisión e se ven enfrontamentos constantes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames agradece a José Miñones y a Ramón Argibay su larga trayectoria en la corporación"

Enfoques: "El ex alcalde José Miñones y el ex concelleiro Ramón García Argibay, condecorados con las medallas de Ames"

AMSGO!: "Medallas do Concello para José Miñones e Ramón García Argibay"

Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay

Multimedia

  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay
  • Imaxe do acto de recoñecemento a Jose Miñones e Ramón García Argibay