Solapas principales

Últimos días para inscribirse na segunda edición do concurso Canta con Ames

Miércoles, 08 de junio de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, lembra que está aberto o prazo para inscribirse na segunda edición do concurso Canta con Ames. O prazo de inscrición para participar no certame está aberto ata o vindeiro 13 de xuño. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. O concurso está composto de varias fases, que se desenvolverán do 1 de xullo, momento no que comezará a fase de preselección, ao 27 de agosto coa gran final. O certame estará presentado pola xornalista Loli Gómez. O cartel do concurso foi deseñado por Antía Montero Segade, que ten 15 anos e é veciña do Milladoiro.

Este concurso está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. Este ano a principal novidade é que se rebaixa a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación da veciñanza.

As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto á seguinte dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. Tamén haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso. As inscricións poderanse realizar ata o 13 de xuño enviando un correo electrónico ao enderezo amesnarua@gmail.com. Na semana do 13 de xuño comunicaráselle, por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.

Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 1 de xullo, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 8 de xullo, tamén ás 18.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo de 2022 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Posteriormente, a semifinal será o 6 de agosto, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Xurado do concurso
O xurado estará composto por Ines Suárez Rey, veciña de Auguapesada, que exerce como profesora de música nun colexio público de Galicia. Estudou Maxisterio musical en Santiago de Compostela xunto co grado profesional de guitarra no Conservatorio de Santiago. Actualmente canta no grupo as As Maianas, formado no propio concello de Ames, e dirixe os coros parroquiais de Ames e Piñeiro.

Tamén formará parte do xurado Susana López Carbia, veciña de Ames e presentadora do programa da TVG, Fun polo aire. A terceira integrante do xurado será Noelia Bellas Ferreira, veciña da parroquia de Bugallido e gañadora da categoría sénior da primeira edición do concurso de karaoke Canta con Ames.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, lembra que “quedan cinco días para que se peche o prazo de inscrición na segunda edición do concurso Canta con Ames. Este ano temos algunhas novidades, unha delas son os membros do xurado, xa que os integrantes do xurado do ano pasado non poden repetir por motivos de traballo. Outra das novidades é a idade da categoría súper sénior, que este ano vai de 41 en diante, para tratar de fomentar a participación en dita categoría”.

Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselles cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano, unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro.

Por outra banda, aos 8 participantes que cheguen á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Cartel do concurso Canta con Ames

Multimedia

  • Cartel do concurso Canta con Ames
  • Embedded thumbnail for