Solapas principales

O Concello de Ames lanza unha campaña para facer un uso responsable da auga durante a época estival

Miércoles, 08 de junio de 2022

O Concello de Ames acaba de publicar unha campaña informativa na que se lle recomenda á veciñanza facer un uso responsable da auga durante os meses de verán. A través de dita campaña achéganse varios “augaconsellos” para tratar de fomentar un consumo moderado da auga durante a época estival. A implicación e participación veciñal no coidado deste recurso é imprescindible para acadar un bo resultado e por iso o Concello de Ames fai un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga.

As reservas de auga nos encoros de abastecemento atópanse en situación de normalidade, pero os caudais dos ríos continúan sendo baixos e as achegas están por baixo da metade das medias para esta época do ano. Por iso, se a época estival é moi seca poderíanse producir problemas no abastecemento de auga. Debido a iso o Concello de Ames vén de publicar unha campaña na que se insta aos veciños e veciñas a facer un uso responsable da auga.

O alcalde e concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, indica que “o verán é a época na que maior cantidade de auga se gasta, polo que é moi importante facer un consumo moderado. O consumo de auga, imprescindible nas nosas vidas, aumenta en exceso na época estival o que, acompañado de condicións meteorolóxicas adversas, pode provocar unha diminución nos caudais e as conseguintes medidas restritivas e correctoras de auga”.

A implicación e participación veciñal no coidado deste recurso é imprescindible para acadar un bo resultado e por iso o Concello de Ames fai un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga.

Deste xeito, dende o Concello trátase de concienciar aos veciños e veciñas de que é necesario adoptar unha serie de pautas e bos comportamento para reducir o consumo de auga como poden ser evitar o exceso no consumo de auga potable nos usos domésticos e industriais; non facer baleirado de piscinas; empregar rego por goteo e non lavar os coches con mangueiras de auga potable.

“Augaconsellos” para reducir o consumo de auga
A través de dita campaña achéganse varios “augaconsellos” para usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes; e limitar o baldeo e limpeza das rúas.

Deste xeito, dende o propio Concello tamén se adoptan unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, a empresa Urbaser, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, reduce a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.

Todas estas accións e medidas están encamiñadas para reducir o consumo de auga durante está época estival. A auga é un ben colectivo e está en mans de todos e todas garantir o seu subministro na cantidade e calidade axeitada.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Augaconsellos para evitar os cortes durante o verán"

La Voz de Galicia: "Ames detecta menos caudal de agua este año y pide un uso responsable para evitar cortes en verano"

Ames Go: "Augaconsellos para un consumo responsable da auga no verán"

Cartaz da campaña para facer un uso responsable da auga durante a época estival

Multimedia

  • Cartaz da campaña para facer un uso responsable da auga durante a época estival