- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, mantiveron unha xuntanza coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e coa Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”. En dito encontro chegaron a un acordo para a modificación do horario das terrazas dos establecementos hostaleiros durante todo o ano. O horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo.
O Goberno municipal continúa traballando para regular as terrazas dos establecementos hostaleiros de Ames. Deste xeito, vén de realizarse unha xuntanza entre representantes do Concello de Ames coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e coa Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”. En dito encontro participaron o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.
Nesta xuntanza acadouse un acordo para a modificación do horario das terrazas dos establecementos hostaleiros durante todo o ano. O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explica que “a nova regulación foi obxecto de negociación coas asociacións representativas do sector, chegándose a un acordo respecto do horario de apertura e peche das terrazas dos establecementos hostaleiros do concello de Ames”.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “este acordo é unha boa nova porque unifica e simplifica os horarios en dous tramos, pero o máis importante é que amosa o entendemento e o consenso entre as asociacións e o Goberno municipal”. Ademais, engadiu “este Goberno sempre está disposto a formalizar acordos que sexan beneficios para axudar aos hostaleiros e hostaleiras de Ames, e aos comercio en xeral. Agradecemos tamén a boa disposición das asociacións”.
Novos horarios de apertura e peche
A anterior regulación contemplaba tres tipos de horarios, pero coa nova regulación estableceranse dous tipos de tempadas, coincidindo cada unha delas coa primavera/verán e outono/inverno. Os novos horarios foron probados durante o pasado mes de marzo. Dita modificación permitirá unificar os horarios de apertura e peche. A proposta cos novos horarios está previsto que se debata e aprobe, se procede, no pleno ordinario deste mes de xuño.
O horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo.
A regulación dos horarios de apertura e peche súmase ao anterior traballo que se realizou para dispor dunha ordenanza reguladora sobre a ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. A través de dita ordenanza, aprobada de xeito definitivo no pleno do pasado 27 de maio de 2021, é a primeira vez que en Ames se regulou o uso das terrazas. O texto íntegro de dita ordenanza publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o luns 7 de xuño de 2021.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames amplía el horario de las terrazas en verano y lo reduce media hora en otoño e invierno"
El Correo Gallego: "Terrazas de 09.00 a 02.00 horas los viernes y sábados en primavera-verano"
Enfoques: "Las terrazas de la hostelería de Ames tendrán nuevos horarios"