- Tematica
A localidade de Bertamiráns é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. Este camiño, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima, para o que hai que realizar 90 millas náuticas e 12 quilómetros a pé. Para marcar o inicio da última etapa a pé de dito Camiño, o Concello de Ames vai a colocar unha escultura no parque do Ameneiral. A escultura vai a ser deseñada e executada polo alumnado de segundo curso do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da EASD Mestre Mateo.
O alcalde de Ames, Blas García, asinou un convenio de colaboración co director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, Juan Adrio Fondevila, para que o alumnado de segundo curso do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da EASD Mestre Mateo, se encargue de realizar unha escultura que servirá para marcar o inicio da última etapa a pé do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. A escultura será colocada no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Ao acto de sinatura do convenio tamén asistiron o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e maila técnica de Turismo, Sonia Moure.
O Camiño da Ría de Muros e Noia foi declarado oficial o 15 de decembro de 2020 despois de tres anos de investigacións. Esta Ruta Xacobea, que permite combinar a navegación cun tramo a pé, conta dende entón coa mesma oficialidade que o Camiño Francés, o Portugués, o Inglés ou o Primitivo. O itinerario atravesa os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames. O noso concello convértese, polo tanto, na última etapa cara Compostela.
Con esta ruta son tres os Camiños de Santiago que discorren polo Concello de Ames: o Portugués, o de Fisterra e o recentemente oficializado de Muros e Noia. Deste xeito, polo termo municipal de Ames atravesan os peregrinos que escollan o Camiño Portugués para chegar a Compostela, aqueles que logo de visitar Compostela decidan continuar ata Fisterra e os que se decanten pola ruta da Ría de Muros e Noia.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “o obxectivo é darlle visibilidade á última etapa a pé do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia que arranca en Bertamiráns”. Ademais, engadiu “esta ruta é moi atractiva pois combina a Galicia costeira coa Galicia interior ofrecéndolle aos peregrinos o mellor da cada unha. O Camiño da Ría de Muros Noia servirá, ademais, para poñer en valor as aldeas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído polas que transcorre ata Santiago de Compostela”.
Camiño dende Bertamiráns
Son 12 os quilómetros que separan Bertamiráns da praza do Obradoiro, en Compostela. O camiño polo concello transcorre entre estradas locais e agradables paisaxes onde se alternan os bosques e os cultivos.
O trazado entra no noso concello pola aldea de Carballido para continuar polo lugar de Cantalarrana, dúas aldeas tras as cales se abre paso o núcleo de Bertamiráns. Dende esta localidade a ruta lévanos cara a Condomiña para adentrarnos na parroquia de Ortoño, un lugar simbólico onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia. Na aldea da Tarroeira encontramos o domicilio da familia paterna da poeta e onde en 1923 se fundou o Seminario de Estudios Gallegos. Continuando o camiño os peregrinos poderán desfrutar do cruceiro e da igrexa de san Xoán de Ortoño situada no lugar do Santo.
Pasado Ortoño o camiño entra na parroquia de Bugallido concretamente percorrendo as aldeas de Mourigade, Outeiro e Barreiro. Neste tramo os camiñantes poderán gozar dunha paisaxe que mestura as vivendas cos campos de cultivo. A aldea de Mourigade destaca polas vivendas rehabilitadas a partir de construcións antigas e os vellos muros que as rodean. Coa chegada á aldea de Barreiro mergullámonos nun tramo de bosque onde a natureza e a tranquilidade nos acompañan ata a fin do termo municipal, que abandonaremos pola aldea de Fraiz, na parroquia de Biduído.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los concellos del Camiño da Ría de Muros-Noia mejorarán su señalización"
El Correo Gallego: "Unha escultura na última etapa do Camiño da Ría"