Solapas principales

O “Canta con Ames” arranca este venres cunha preselección no Milladoiro

Jueves, 30 de junio de 2022

A segunda edición do concurso “Canta con Ames” dará o pistoletazo de saída este venres 1 de xullo no Milladoiro. A praza de Manuel Murguía vai acoller ás 18:00 horas a primeira fase de preselección. Seguidamente, o venres 8 de xullo terá lugar no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, a segunda fase de preselección. Este ano inscribíronse un total de 26 participantes nas distintas categorías do concurso.

O “Canta con Ames” é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Logo do éxito da pasada edición, este venres 1 de xullo arranca a fase de preselección dos 26 participantes inscritos nas distintas categorías do concurso. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante.

Na fase de preselección os participantes interpretarán unha canción en galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá de entre os 26 participantes un máximo de 20 persoas por ambas xornadas, cinco por categoría. Haberá dous días de preselección, o 1 de xullo, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro onde actuarán 13 participantes e mailo 8 de xullo, tamén ás 18.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns cando actuarán os outros 13 concursantes.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo aproveitar a ocasión para “convidar a toda a veciñanza a ver, gozar e pasar unha tarde diferente asistindo á primeira preselección do concurso “Canta con Ames”. Temos que encher a praza de Manuel Murguía para animar aos 13 participantes e que sintan o cariño e o apoio dos veciños e das veciñas de Ames”. E engadiu, “non podemos esquecernos do motivo polo que nace este concurso que non é outro que animar as rúas de Ames e incentivar así as compras no comercio e na hostalería amesá”.

O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo de 2022 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Semifinal do “Canta con Ames”
A semifinal será o 6 de agosto, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total. Nesta ocasión os participantes interpretarán unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés coa duración que determine xurado. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

Final do “Canta con Ames”
A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Actuación da Panorama e dos/as gañadores do concurso “Canta con Ames”
Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso Canta con Ames, os/as gañadores/as do certame poderán actuar como abreconcerto da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Arranca la ‘Eurovisión de A Maía’ con la fase preselección de 26 ruiseñores"

O “Canta con Ames” arranca este venres cunha preselección no Milladoiro

Multimedia

  • O “Canta con Ames” arranca este venres cunha preselección no Milladoiro