Solapas principales

Os “Seráns de Ames” inaugúranse este xoves 7 co pregón de Federico Pérez Rey e a actuación da charanga Os Celtas

Miércoles, 06 de julio de 2022

Este xoves 7 de xullo, a praia fluvial de Tapia acolle a estrea da segunda edición dos “Seráns de Ames”, un programa que ao longo de todas as tardes de xullo e agosto levará diferentes actividades para todos os públicos ás parroquias de Bugallido e Tapia. Neste senso, a primeira xornada comezará ás 19:30 horas cun pregón inaugural do actor e veciño de Ames Federico Pérez Rey, e coa actuación deseguido da charanga Os Celtas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

Esta semana comeza a segunda edición dos “Seráns de Ames”, unha programación de verán para todos os públicos que volve despois de que en 2021 se estreara esta mesma iniciativa na praia fluvial de Tapia. Coa incorporación do campo da festa de Bugallido coma sede, o programa repartirá de xeito equitativo os oito xoves de xullo e agosto, alternando entre ambas parroquias as actividades, que comezarán sempre ás 19:30 horas.

Deste xeito, este xoves 7 de xullo arrinca de novo esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Cultura, coa colaboración da de Mocidade e Normalización Lingüística. A partir das 19:30 horas, Federico Pérez Rey, actor e veciño de Ames, será o encargado de realizar o pregón inaugural do programa na praia fluvial de Tapia, onde se desenvolveron todas as propostas da anterior edición. Despois da súa intervención, a xornada continuará coa actuación musical da charanga Os Celtas.

Por outra banda, os “Seráns de Ames” estrearanse a semana que vén en Bugallido, no seu campo da festa, cun concerto do grupo “La Nasa”, no que colabora a Concellaría de Mocidade. Será o próximo xoves 14, a partir das 20:00 horas. O mes de xullo do programa completarase co espectáculo de danza-circo “SU.MA”, o xoves 21 ás 19:30 horas en Tapia, e o xoves 28 en Bugallido, con dúas sesións de narración oral, “A bibliotecaria estrafalaria”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, e “Nabiza Girl”, de Isabel Risco, tamén ás 19:30 horas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Comienza el Serán de Ames en Tapia"

AMSGO!: "O pregón de Fede Pérez abre os Seráns de Ames"

Os “Seráns de Ames” inaugúranse este xoves 7 co pregón de Federico Pérez Rey e a actuación da charanga Os Celtas

Multimedia

  • Os “Seráns de Ames” inaugúranse este xoves 7 co pregón de Federico Pérez Rey e a actuación da charanga Os Celtas